DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Ramón Gutiérrez realizou a tradución dos 154 sonetos do escritor inglés

A ilusión dun Shakespeare que escribe en galego

O seu obxectivo foi facer unha versión fiel á letra e ao espírito do orixinal

Etiquetas
  • Ourense
Rosa Tedín DUVI 18/10/2011

"Entre as miñas escasas virtudes creo que figura a de ser un bo lector. E, non obstante, cando lía as traducións ao castelán dos Sonetos de Shakespeare non entendía como aqueles xeroglíficos inextricables e abstrusos podían gozar de tanta fama. En realidade, sería máis preciso que dixese que cando os lía non entendía nada, simplemente”. Así explica o profesor da Universidade de Vigo Ramón Gutiérrez Izquierdo como comezou un traballo que se prolongou durante unha década e que o levou a traducir e publicar, primeiro en castelán e recentemente en galego, os 154 sonetos do escritor William Shakespeare. As súas son as primeiras traducións dos Shakespeare´s Sonnets, referente da literatura universal, en lingua hispánica acompañadas de comentarios de todos e cada un dos sonetos. Son ademais unha tradución na que o autor intentou “non engadir nin suprimir nada do orixinal, dicilo todo de forma clara e dotar ao verso e aos poemas da musicalidade propia e inherente á lírica”.

“O que pretendín foi facer a tradución en verso que fose fiel na letra e no espírito e que resultase intelixible, conservando, asemade, as ambigüidades e alcances alternativos do orixinal”, explica Gutiérrez Izquierdo. Para acadalo, as súas versións en galego e en castelán, editadas respectivamente por Edicións Xerais e Visor Libros, procuran a musicalidade da poesía mediante a rima (consonante nos versos pares e asonante nos impares), a medida (versos alexandrinos) e a regularidade rítmica (atendendo aos acentos internos de cada verso). Deste xeito, apunta o autor, as súas traducións son relevantes na medida en que abordan e procuran resolver todas as dificultades interpretativas, creativas e musicais e crean “a ilusión dun Shakespeare que escribe en galego e en español”.

A importancia fundamental da tradución

Os Shakespeare´s Sonnets constitúen a secuencia de sonetos máis famosa en lingua inglesa e unha das obras que máis influíu e segue influíndo na literatura universal contemporánea, non só na lírica. Non obstante, explica Gutiérrez Izquierdo, esta e outras obras mestras son pouco coñecidas polo gran público e mesmo polos críticos e estudosos da literatura. “Tal descoñecemento débese en parte ao feito de que non gozaron ou non gozan aínda de traducións capaces de reflectir noutra lingua todo o seu potencial semántico e a súa altura musical, pois é esta última a que converte en poesía o que doutro xeito non sería máis que verso torpe e estéril”, resalta o tradutor.

Con obxectivo de rachar esta situación, o profesor enfrontou o proceso da tradución mergullándose no inglés de finais do século XVI e comezos do XVII, que presenta en moitos termos acepcións distintas das usuais hoxe en día, e na riqueza lingüística de Shakespeare, cos seus xogos de palabras e dobres sentidos. Nun segundo momento, salienta o tradutor, a dificultade do seu traballo estribou na comprensión plena do soneto, que “case sempre presenta máis dun alcance e cómpre que na lingua de chegada manteña polo menos un dos sentidos entre os varios posibles”. Por último, chegou o momento no que tivo que “forxar o verso coma se fose unha espada, procurando darlle a forma e a musicalidade de maneira que o resultado final fose claro, intelixible e, se é posible, elegante e musical”.

Sobre o resultado final do seu traballo, salienta Gutiérrez Izquierdo que o maior eloxio que puido recibir foi o de John Rutherford, profesor do Queen's College da Universidade de Oxford e director do seu Centro de Estudos Galegos, que o felicitou asegurándolle que lograra "unhas traducións semanticamente exactas, conservando a forma do soneto”. No persoal, está ademais a satisfacción de que “cando lle pedín a miña filla, que domina á perfección o inglés nos diversos niveis da lingua, que contrastase as traducións co orixinal, a fin de matizar e mellorar canto fora preciso, confesoume que, en varios versos e sonetos, alcanzaba a comprender mellor o orixinal despois de ler a miña versión”.