DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Alberto Ruiz de Samaniego centra nesta temática o seu libro ‘Hombres y Dios’

Imaxes artísticas e literarias que sitúan o ser humano fronte “á transcendencia”

No volume afonda en como esta idea se plasmou na arte e na literatura ou en mitos e lendas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Publicacións
  • Cultura
DUVI Pontevedra 19/02/2024

A idea dun “ser humano que se enfronta á transcendencia ou ao absoluto, desde a máis radical soidade” constitúe o nexo de unión dos catro ensaios que o profesor da Facultade de Belas Artes Alberto Ruiz de Samaniego reúne no seu novo libro Hombres y Dios. Escenas de noche y misterio. Publicado por Shangrila, o docente e crítico cultural afonda neste volume na pintura do artista barroco Georges de La Tour e nas referencias a “durmintes extáticos” que poden atoparse en múltiples culturas. Ao mesmo tempo, reflexiona sobre as representacións artísticas da morte de deus, á vez que aborda o que acontece tras “o derrubamento” dun ser humano, partindo das escenas que representan as bágoas de San Pedro.

“Os catro ensaios deste libro percorren a emoción de ser un suxeito ao bordo de si mesmo, en vésperas, como quen di, do absoluto”, apunta Ruiz de Samaniego no texto de presentación deste volume. Nel, a reflexión ten como punto de partida un conxunto de imaxes artísticas ou literarias que plasman “escenas que, a través do éxtase, dos soños e do onírico ou do esvaemento e a fraxilidade, sitúan ao individuo ante a transcendencia, xa sexa na pintura ou nos mitos e lendas”. 

Da soidade da noite ao “derrubamento” do individuo

Ruiz de Samaniego dedica o primeiro dos ensaios ao artista francés Georges de La Tour, “un pintor extraordinario, cunha gran profundidade e plasticidade” e que representa “maxistralmente” en moitas das súas obras esa idea do “suxeito en véspera do absoluto”. Ademais de analizar a evolución pictórica deste artista do Barroco, o autor pon o foco nos seus “cadros de escenas nocturnas, nas que ves un individuo en extrema soidade no máis profundo da noite, só na busca do sentido esencial da vida, á espera de que adveña a transcendencia”. 

De reflexionar sobre ese instante de “incerteza”, pasa, no seguinte ensaio, a reflexionar sobre o que acontece co individuo no momento de “máximo derrubamento”. Para iso toma como punto de partida unha “unha escena moi poética” representada en numerosas obras de arte, a de San Pedro chorando tras negar coñecer a Xesús. Ruiz de Samaniego detense nese “momento de máxima soidade e derrubamento” que vive ao ser consciente de “traizoou o seu deus” e tras o que “se converte en fundador da Igrexa”. Un momento que o docente conecta cunha das súas “obsesións”, a de que “o sentido só xorde da catástrofe ou do derrubamento do sentido mesmo”, como sinala. “Esa experiencia de crise é tamén ao meu xuízo a experiencia poética”, engade.

Conectado tamén con esa idea do “derrubamento do sentido”, o terceiro capítulo céntrase “na morte de deus, tanto na súa manifestación filosófica como na súa representación artística”. Este ensaio, explica, céntrase nas representacións pictóricas e, fundamentalmente, escultóricas de Xesús crucificado, mais achégase tamén “a textos do primeiro Romanticismo alemán, nos que, a través de figuras literarias moi potentes, decrétase por primeira vez a morte de deus”, o que á súa vez “fixa o inicio do nihilismo”. 

O volume péchase cun ensaio centrado nos “durmintes extáticos”, individuos que quedan durmidos durante días ou anos para logo retornar a un mundo que cambiou, unha figura presente “en diferentes épocas e distribuída en moi diversas culturas”. Desde á lenda de San Ero da Armenteira, á dos primeiros monxes da orde da Cartuxa, pasando polo filósofo grego Hermótimo de Clazómenas, o docente analiza neste capítulo múltiples casos de “durmintes que estiveron en contacto co transcendente” e como isto “produce unha transformación no individuo” cando retorna a “a un mundo que xa non é o deles”.