DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Consta de 256 horas teóricas e prácticas

Inaugurado o II curso de especialista en Dereito da Seguridade Social

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 30/10/2007

Os encargados de presentar esta nova edición foron o seu director, Jaime Cabeza, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, Jesús Blanco, director provincial do INSS e TXSS e Manuel Ramón Alarcón, catedrático da Universidade de Sevilla. Foi precisamente este último o encargado de impartir a primeira ponencia da tarde, na que destacou "os convenios coa administración para darlle prestacións aos cidadáns” e enmarcou a colaboración coa Universidade “neste obxectivo de mellorar os intereses xerais e conectar coa sociedade” e o xeito óptimo e dende a educación.
Aínda que os 45 alumnos inscritos tiñan xa amplos coñecementos do tema (é un curso de especialización), Alarcón remontouse aos inicios da seguridade social, reflexionando no concepto mesmo, na súa historia e nos seus piares fundamentais. Precedentes que serven para explicar como se foi adaptando o sistema á actualidade, perfeccionándose e incluso ás veces, caendo en contradiccións, como o problema de competencias entre o Estado central e as Comunidades Autónomas. “O futuro pasa por recuperar a idea omnicomprensiva de Seguridade Social coma colaboración e coordinación, un federalismo cooperativo”.

Contido do curso

O curso que consta de 256 horas teóricas e prácticas, vai dirixido a diplomados en Relaciones Laborais, Traballo Social, CC Empresariais, graduados sociais, licenciados en Dereito, funcionarios da Seguridade Social, do Servicio Público de Emprego e Servicios Sociais así como a calquera profesional relacionado e que cumpra cos requisitos legais necesarios. O seu obxectivo e darlle coñecementos actualizados e concretos aos profesionais e titulados que traballen neses ámbitos para poder exercer as súas competencias axeitadamente.
En palabras do seu director “esperamos seguir abrindo novos camiños nos próximos anos” incentivados pola boa acollida e o balance positivo dos estudantes e organizadores.