DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Marina Gascón advirte de que non son “verdades reveladas”

A infalibilidade das probas científicas, en tea de xuízo

As xornadas 'Pensar o Dereito' comezan cunha conferencia desta catedrática

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 04/05/2011
As probas de ADN, a comparación de pegadas ou voces, a balística. En calquera capítulo de series como CSI estas probas científicas convértense na clave para resolver un asasinato. Na realidade, aínda que sen tanta espectacularidade, cada día máis os informes periciais xogan un papel maior e son considerados a “verdade revelada” para ditar sentencia. Para axudar a desbotar este mito, Marina Gascón, catedrática de Filosofía do Dereito da Universidade de Castilla la Mancha, foi a encargada de inaugurar as xornadas Pensar o Dereito. Solucións xudiciais a problemas sociais.

O acto de inauguración das conferencias, organizadas polo Instituto Xurídico Académico e Social Ourensán coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense e o Consello Social da Universidade de Vigo, tivo lugar este mércores no Ateneo. Nel estiveron Emilio Atrio, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo; María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Miguel Michinel, decano da Facultade de Dereito; Arturo Fernández, decano do Colexio de Avogados de Ourense; Ana Garrido, concelleira de Educación do Concello de Ourense; Xosé Antón Fidalgo, presidente do Ateneo; e Antonio Piña, director das xornadas xunto a Iago Fariñas. Todos eles salientaron o valor desta iniciativa, que reunirá durante 5 días a destacados profesionais do ámbito académico e profesional.

A primeira conferencia correu a cargo de Marina Gascón, que “contra a beatificación das probas científicas” quixo ofrecer “unha ollada crítica á súa mitificación”. Deste xeito, explicou como en calquera proceso xudicial as probas científicas, como as de ADN, balística ou comparación de pegadas, son consideradas verdade absoluta e non sometidas a crítica. Na súa opinión, esta situación aséntase na tendencia a dar un valor probatorio desmesurado ás probas científicas e en considerar que os resultados de laboratorio din cousas diferentes ás que realmente din.

Claves nas sentencias

A catedrática de Filosofía do Dereito explicou que “os avances técnicos tiveron un desenvolvemento enorme nos últimos anos e un elevadísimo impacto nos procesos xudiciais, especialmente no caso da xenética forense e o ADN, paradigma da proba científica”. Sen embargo, advertiu de que este desenvolvemento non foi igual en todas as técnicas científicas e que incluso no caso do ADN á hora de valorar os seus resultados hai que ter en conta o método empregado, a calidade técnica da realización da proba, quen recolleu a mostra, como se trasladou, etc.

“Esta e outras probas científicas téñense convertido en clave de moitas sentencias pero a súa implantación nos procesos non foi acompañada dun proceso de cautela. Por provir dun laboratorio preséntase cunha aura de infalibilidade que frea calquera reflexión crítica e son aceptadas como dogma de fe”, destacou Gascón. Contra esta situación, a catedrática advertiu que “a comunidade científica está chamando a atención sobre a necesidade de revisar a metodoloxía, pois xa se teñen demostrado sentencias erróneas que foron realizadas en base a estas probas”. Por este motivo, salientou, “é necesario articular unha reflexión rigorosa sobre as probas científicas, que están sendo pezas decisivas na resolución dos casos”.

As xornadas continuarán con outras catro sesións que se prolongarán ata o 9 de xuño. Durante este período achegaranse tamén a Ourense os catedráticos Manuel Atienza, e Darío Villanueva. Como representantes do ámbito xurídico, estarán Miguel Ángel Cadenas, presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; Manuel Almenar, vogal do Consejo General del Poder Judicial; Antonio Piña, maxistrado-decano de Ourense; Arturo González, decano do Colexio de Avogados de Ourense; Juan Carlos Trillo, maxistrado do Tribunal Supremo, e José Antonio Ballestero, maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.