DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Oficina de Voluntariado organiza unhas xornadas para difundir os seus programas

Información e sensibilización na procura de universitarios solidarios

As ONG colaboradoras instalarán mesas informativas no Centro Comercial a vindeira semana

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 23/11/2010
Con mesas redondas e actividades prácticas a Oficina de Voluntariado da Universidade trata de difundir entre a comunidade universitaria o espírito solidario que permita á institución crear unha masa crítica de voluntarios e introducir a cooperación como un elemento transversal na institución. A través das Xornadas Solidarias, entre o 29 de novembro e o 1 de decembro, tratarase por unha banda de proporcionar información e por outra de sensibilizar. Coa colaboración das ONG e asociacións coas que traballa a Oficina de Voluntariado e mediante relatorios e postos de información, a comunidade universitaria poderá coñecer todos os detalles dos diversos programas e actividades de voluntariado nos que poden participar, dende traballo con nenos ou terceira idade, ata colectivos desfavorecidos ou voluntariados ambiental. Ademais, estas xornadas teñen como finalidade sensibilizar a través de charlas explicativas sobre temas de actualidade como os hábitos saudables, trastornos de alimentación ou educación afectivo-sexual. A idea é que o colectivo universitario sinta “que as cousas poden ser mellores e que todo podemos ser parte activa deste cambio”, explican dende a organización.

Para isto a Oficina de Voluntariado ofrece todas as facilidades posibles que permitan que os interesados compaxinen as súas rutinas diarias coa súa vertente solidaria, adaptándose á súa dispoñibilidade, sufragando os gastos de desprazamento, coa cobertura dun seguro e a posibilidade, para o alumnado, de validar estas colaboracións por créditos de libre configuración.

Un programa amplo e intensivo

Ao longo dos tres días, en sesións de mañá, máis dunha ducia de asociacións e colectivos achegarán á comunidade universitaria, tanto alumnado como traballadores e docentes, as súas actividades. Na xornada do luns 29 pasarán polo Edificio Miralles representantes de Alborada para falar de drogodependencias, a Asociación Española contra o Cancro, Adega co Proxecto Ríos e a propia Oficina de Medio Ambiente da Universidade. O martes os relatorio correrán a cargo de Quérote e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, o Comité Antisida e a Asociación Abagal, que se centra nos trastornos de alimentación. Na derradeira xornada, a do mércores, os asistentes poderán coñecer o traballo que se pode realizar nos centros penitenciarios como A Lama, os programas de Cáritas, o voluntariado lingüístico ou en temas de patrimonio, os Scouts de Galicia, a Asociación de Alcohólicos Anónimos e ASDEGAL. Dende a organización das xornadas salientan sobre todo os programas que se desenvolven na cárcere de A Lama, coa que están tentando establecer un protocolo de colaboración. “Teñen proxectos e módulos moi interesantes e están abertos a todo tipo de propostas de colaboración”, explican.

Paralelamente, todos estes colectivos instalarán no Centro Comercial de Cidade Universitaria mesas informativas para que os interesados poidan coñecer os traballos que se desenvolven con todos estes sectores. Ademais, para completar a oferta divulgativa o luns haberá unha demostración do Proxecto Ríos, con inscrición libre, ao abeiro da que se realizará un roteiro medioambiental polo campus da man de Adega, “que quere amosar in situ o traballo da asociación”.

O acceso a todas as actividades é libre e de balde e os interesados poden inscribirse en todos os relatorios ou de xeito independente en cada un simplemente enviando un email a voluntariado@uvigo.es