DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con este obxectivo inaugurouse no campus o Ciclo de Cine e Conferencias Ambiental e Social

Informar e formar para unha mellor conciencia ambiental da sociedade

Será ata o 10 de novembro, coa participación de destacados expertos e a proxección de coñecidas pelí

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 02/11/2011
“Todo o que sexa informar e formar é o mellor xeito de que a sociedade adquira conciencia ambiental e de que todos teñamos unha contorna cada vez máis vivible e un desenvolvemento máis sostible”. Deste xeito resumía Samuel Juárez, conselleiro de Medio Rural, o obxectivo do Ciclo de Cine e Conferencias Ambiental e Social que este mércores se iniciou no campus de Ourense. Do 2 ao 10 de novembro esta cita casará a proxección de coñecidas películas con debates de destacados expertos para buscar alternativas aos problemas ambientais e sobre todo concienciar á sociedade da súa existencia.

O ciclo, organizado pola asociación universitaria e ambiental Syme e a Vicerreitoría do Campus de Ourense, foi inaugurado por José Antonio Vilán, vicerreitor de Transferencia da Universidade de Vigo; Samuel Juárez, conselleiro de Medio Rural; Mª Isabel Pérez, tenente de alcalde e concelleira de Cultura de Ourense; Rogelio Martínez, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, e José Antonio Pérez, presidente de Syme.

O papel da Universidade e a Xunta

Durante o acto, José Antonio Vilán quixo amosar a satisfacción da Universidade de Vigo por acoller esta iniciativa xa que, salientou, “a universidade ten un rol protagonista na protección do medio ambiente, proporcionando información a quen toma as decisión neste eido e formando ás novas xeracións de cidadáns”. Por este motivo destacou a importancia de que o ámbito académico traballe activamente na difusión da conciencia ambiental e na reflexión sobre os dificultades neste eido.

“A conservación non é unha opción, é unha obriga”, advertiu o conselleiro de Medio Rural, que destacou a importancia de formar opinión na sociedade arredor dos aspectos ambientais. Dentro deste obxectivo de conservación, Juárez quixo salientar que o seu departamento está traballando actualmente na ampliación e na planificación da Rede Natura en Galicia, coa elaboración dun plan director que regule os seus usos de modo que se compatibilice a súa conservación coa actividade humana.

Dous técnicos de Nacións Unidas

As conferencias, tal e como salientou o seu coordinador, desenvolveranse durante 7 sesións, do 2 ao 10 de novembro, na sala multiusos do Edificio de Ferro. Cada unha desas sesións constará da proxección dunha película e posteriormente celebrarase un debate sobre unha temática concreta na que participarán destacados expertos neste eido. As películas proxectadas serán Erin Brockovich, Na busca da felicidade, Baraka, A última hora, Unha verdade incómoda, Territorio de abellas, paisaxe de homes e The Simpsons movie.

O ciclo reúne ademais a destacados expertos de entidades gobernamentais estatais e foráneas que estudan a problemática do desenvolvemento sostible e o medio ambiente. Entre os relatores, Isabel Pérez quixo destacar a participación de dous técnicos que traballan para organismos de Nacións Unidas. Son Daniel Rodrigo Vargas, que traballa na Organización das Nacións Unidas para o Desenvolvemento Industrial e que falará sobre enerxías renovables e cambio climático, e Belén Vallina, que traballa como consultora para o Organismo Internacional da Enerxía Atómica e que abordará a cuestión da importancia da auga e da incidencia das técnicas nucleares nela.