DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación do Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo

Iníciase o proxecto para investigar e consolidar a descuberta de Armea

Os traballos prolongarase ata decembro con vontade de continuidade no futuro

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 30/06/2011
Desde que o veciño de Allariz Manuel Losada descubriu a estrutura rupestre do Monte do Señoriño en Armea o interese por este lugar non deixa de medrar, tanto entre a comunidade científica como na sociedade en xeral. Co obxectivo de protexer o descubrimento agora que é público, de investigalo e de valorizalo, este xoves presentouse en Allariz un proxecto no que diferentes institucións lideradas polo Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo se unen para intervir na zona a partir da primeira semana de xullo e ata decembro, con vontade de continuidade no futuro.

O proxecto de posta en valor do complexo arqueolóxico, historico-artístico e natural de Armea, en Santa Mariña de Augas Santas, executarase en colaboración cos arqueólogos David Pérez e Celso Barba; co Concello de Allariz e baixo o patrocinio do Consello Social da Universidade de Vigo e a Vicerreitoría do Campus de Ourense. Durante a súa presentación, Adolfo Fernández, do Laboratorio de Arqueoloxía-Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, explicou que o traballo do equipo da Universidade de Vigo se centrará no Monte do Señoriño. O seu obxectivo será “garantir a conservación dos vestixios descubertos por Manuel Losada, que están sendo obxecto de continuas visitas,” e “interpretar estas estruturas dun xeito o máis satisfactorio posible para a comunidade científica”.

12 voluntarios

Nas tres primeiras semanas de xullo, 12 voluntarios da área de Historia das universidades de Vigo, Santiago de Compostela e UNED, traballarán no espazo descuberto para a súa conservación e análise. Durante este período, e como xeito de contribuír á divulgación científica, o Concello de Allariz organizará visitas guiadas á zona para dar resposta de xeito organizado ao interese que suscitan as estruturas de Armea. “Queremos que sexa unha intervención o máis aberta posible, que os veciños e os interesados poidan coñecer in situ o traballo que facemos os arqueólogos”, destaca Adolfo Fernández.

Francisco García, alcalde de Allariz, apuntaba o inicio inminente do proxecto unha vez que xa se ten a autorización de Patrimonio para proceder á intervención neste “lugar emblemático e máxico que temos a fortuna de ter”. García quixo agradecer aos veciños a súa colaboración e salientou a importancia de apostar por este tipo de iniciativas que “permiten facer do noso patrimonio cultural un dos mellores activos económicos”.

Escavacións tamén no castro

O programa de recuperación previsto tamén conta coa participación dos arqueólogos David Pérez e Celso Barba, que traballarán no Castro de Armea. O seu traballo centrarase en acondicionar o lugar e en descifrar as construcións destapadas por F. Conde-Valvís Fernández a mediados do pasado século. O obxectivo final, segundo explica David Pérez, é “valorar os restos e a susceptibilidade de polos en valor no futuro”. Tamén realizarán “unha escavación nunha pequena terraza do Castro de Armea para tratar de descifrar a data da súa primeira ocupación”.