DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora Marina Núñez é unha das 15 autoras do libro 'Mujeres en el sistema del arte en España'

A inserción laboral das artistas non chega ao 25% a pesar de ser maioría nas aulas

Para paliar esta desigualdade, a experta propón medidas de acción positiva que "forcen a situación d

Etiquetas
  • Pontevedra
Bea Feijóo DUVI 27/03/2012

O 70% do alumnado que cursa estudos de Belas Artes son mulleres, sen embargo, a súa inserción laboral apenas alcanza o 25%. Este é o panorama que describe o libro Mujeres en el sistema del arte en España, que recolle unha compilación de investigacións sobre a situación da muller no sector, realizadas por unha quincena de profesionais das artes visuais, entre as que se atopa Marina Núñez, profesora da Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra. “As estatísticas falan por si soas dunha situación non só inxusta para as mulleres, senón empobrecedora para o mundo da arte”, sinala a profesora Núñez, ao tempo que explica que a desigualdade no proceso de profesionalización vén dada pola existencia de “mecanismos de exclusión” na sociedade.

O volume, coeditado por EXIT Publicaciones e MAV, Mujeres en las Artes Visuales, recolle por primeira vez en España a visión das mulleres sobre os modos de ensinar, producir, xestionar a arte. “As editoras querían que houbera representantes de varios estamentos para que a visión do sistema fose ampla”, de aí que colaboraran profesoras, historiadoras, críticas, comisarias... Marina Núñez achegou a súa experiencia dende a súa condición de artista e destaca en primeiro termo que a presenza de mulleres nas coleccións de arte contemporánea en museos, galerías ou centros “é case anecdótica”. Aclara que o estudo contempla a actividade producida dende os anos 70 ata a actualidade, “etapa na que se supón que xa se deixaran atrás os modos patriarcais”. Segundo a experta, esta falta de visibilidade da muller provoca “un círculo vicioso difícil de superar” no que se encadean menor presenza, menor valor no mercado, menores vendas e como consecuencia, “un menor protagonismo nas exposicións”.

Discriminación positiva

A profesora da Universidade de Vigo, Marina Núñez, cre que esta discriminación si é consecuencia das diferenzas de xénero “a pesar de que todo o mundo asuma que é absurdo pensar en distintos niveis de calidade entre homes e mulleres”. Así mesmo, a experta salienta a presión de “mecanismos inconscientes” presentes na toma de decisións “que provocan que se seleccionen poucas mulleres para os comisariados, críticas, compras, premios...”.

Par paliar esta situación, Núñez considera imprescindible tomar medidas que discriminen positivamente á muller artista pois “as cifras de inserción non melloraron significativamente nas últimas décadas e non se pode confiar en que pouco a pouco se vaian conseguindo os obxectivos de igualdade”. Para a profesora, a solución vén da man de políticas activas “que forcen, mentres sexa necesario, a equidade” e engade que o artigo 26 da Lei de Igualdade foi un primeiro paso no que xa se reflicte a adopción de medidas de acción positiva, “pero simplemente non se cumpren”, denuncia.

Situación nas facultades de Belas Artes

O libro recolle a situación da muller artista na docencia universitaria, contexto no que Núñez tamén ten experiencia. Destaca que de entre todos os sectores profesionais analizados na publicación, o da docencia “será o primeiro que chegará a estabilizarse xa que depende de parámetros máis obxectivos e de criterios públicos”. O eido da xestión da arte si que conta con moitas traballadoras mulleres “pero non nos postos de poder e de maior responsabilidade” e as artistas con galería “non representan nin un cuarto do total”, engade.