DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nace Uniporta11, unha rede para compartir experiencias entre universidades en materia de emprego

A inserción laboral une as costas atlántica e mediterránea

Vigo, xunto con Huelva, Madeira, Algarve e Las Palmas representa a vertente suratlántica

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 25/05/2011

Dende o Atlántico ata o Mediterráneo, coa implantación do EEES as universidades están cada vez máis implicada no proceso de inserción laboral dos seus titulados, completando así o proceso de formación que comeza co inicio da docencia da institución. Neste sentido son moitas as iniciativas postas en marcha nas universidades de toda Europa, como bolsas de emprego, servizos de apoio, asesoramento aos emprendedores, convenios de prácticas con empresas e organismos... Coa aposta pola mobilidade internacional como pano de fondo e coa finalidade de compartir experiencias e coordinar iniciativas nace Uniporta11, un proxecto que amosa “a vocación de porto de embarque e desembarque de ideas innovadoras e o carácter transfronteirizo” das universidades que respaldan esta iniciativa, nada no seu da Universidad de Huelva.

Os seus parceiros, das beiras do Mediterráneo e o Atlántico, tratan de reunir así as experiencias nunha rede euromediterránea a suratlántica da man de universidades e institucións próximas xeograficamente e con características socioeconómicas e culturais comúns con especial énfase nos lugares periféricos e transfronteirizos . Conforman a rede, ademais de Huelva como promotora e coordinadora, Vigo, Las Palmas, Girona a Fundación Universidad- Empresa das Illas Baleares e as universidades europeas de Algarve, Madeira, Perpignan, Triestre, Ferrara e o Consorcio Interuniversitario AlmaLaurea de Boloña.

Esta rede de emprego universitario euro mediterráneo e sur atlántico encádrase dentro do programa Euroemprego para a cooperación transnacional e interrexional, financiado polo Fondo Social Europeo. “O proxecto ten como obxectivo crear unha rede trasnacional de institucións europeas onde se estuden boas prácticas en materia de emprego e autoemprego, e cuxos resultados se poidan transferir á sociedade”, explica Manuel Fernández Iglesias, vicerreitor de Relacións Institucionais.

Obxectivos: os emprendedores e a mobilidade

O obxectivo desta nova rede, creada a través de ferramentas web 2.0, é enriquecer as boas prácticas sobre o emprego por conta allea pero tamén por conta propia, axudando e asesorando aos emprendedores, buscar sinerxías entre as universidades e as empresas e administracións públicas en materia de emprego ao tempo que se apoia a colectivos desfavorecidos.

Dous dos puntos forte de traballo de Uniporta11 serán os emprendedores e a mobilidade. Por unha banda está proxectado elaborar un mapa de recursos universitarios para a empregabilidade e o fomento do autoemprego en contextos europeos periféricos, mentres que tamén que se traballará en dar resposta aos requerimentos do EEES e da Estratexia Europea para o Emprego, vinculando dun xeito claro os procesos formativos coa inserción laboral modernizando os Servizos de Emprego. Outra das vías principais de traballo é a mobilidade, tanto dos estudantes como dos titulados, sobre todo aqueles con vocación de emprendedores. Para iso crearase unha Carteira de Oportunidades Empresariais e elaborarase un traballo de investigación sobre as diversas liñas de colaboración universidade-servizos públicos de emprego.

Xuntanza en Vigo

Uniporta11 comezou nestes días a dar os seus primeiros pasos cunha xuntanza na que se estableceu o plan de traballo e os compromisos da Universidade de Vigo dentro da rede de institucións participantes, destacando os aspectos singulares da Universidade en materia de emprego, como a súa presenza directa nas estruturas do Eures Transfronteirizo ou a nova estrutura e obxectivos da Área de Emprego da Universidade.

Nesta primeira reunión participaron o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel J. Fernández Iglesias, o director da Área de Emprego, Nacho Armesto, e a conselleira Eures, Emilia Seoane, xunto con representantes dos organismos promotores do proxecto, o director de Emprego da Universidad de Huelva, Francisco Barba Ramos e o técnico do proxecto Uniporta11, Alberto Ferragud Vidal.