DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha tese estuda a viabilidade das empresas de produción de enerxía eléctrica de orixe renovable

As instalacións de enerxía eólica e fotovoltaica galegas ofrecen alta rendibilidade aos investidores

Os beneficios son maiores na eólica, onde os propietarios son grandes grupos empresariais

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 09/04/2013
Tanto as instalacións de enerxía eólica como fotovoltaica son a día de hoxe en Galicia un negocio rendible para os investidores, se ben, as marxes de beneficio son maiores no caso das eólicas debido a que este tipo de instalacións acostuman a pertencer a grandes grupos empresariais e os seus xestores dispoñen dunha elevada formación financeira, mentres que nas fotovoltaicas a participación maioritaria é de pequenos investidores que ven esta actividade como unha oportunidade puntual de investimento e non como eixo no que centrar a actividade da empresa.

Son parte das conclusións da tese de doutoramento O financiamento das instalacións xeradoras de electricidade a partir das enerxías renovables: un estudo empírico en Galicia, unha investigación que levou ao economista Félix Puime a contactar cos propietarios das 132 instalacións de enerxía eólica e 59 fotovoltaicas presentes na comunidade galega, “único xeito de coñecer en detalle como se xera a rendibilidades para os investidores galegos”, subliña o investigador, que cita como exemplos das instalacións estudadas o parque eólico Monte Redondo na Coruña, de 49,5 megavatios de potencia, ou a planta fotovoltaica Perpiaños de Galicia en Lugo con 100 kilovatios.

Os resultados do estudo permitiron a elaboración dunha proposta de plan de viabilidade para as empresas que centran a súa actividade na produción de enerxía eléctrica de orixe renovable, así como o desenvolvemento dun modelo estatístico que permite determinar os factores que interveñen na rendibilidade obtida polos investidores galegos neste tipo de proxectos.

Diferentes variables explican este éxito

Unha vez realizada a investigación, a xuízo do autor as variables que mellor explican que os investidores eólicos obteñan unha rendibilidade alta son a elevada porcentaxe de financiamento alleo “en moitos casos igual ou superior ao 90% do investimento” e os elevados prazos de préstamo empregados para o financiamento do proxecto “sempre superior a 15 anos”. Sen embargo, segundo se reflicte na investigación, hoxe en día sería posible levar a cabo proxectos co 70% do investimento e a un prazo de 12 anos “xa que a eficiencia dos muíños mellorou notablemente”.

No caso da fotovoltaica o éxito parece estar máis relacionado co feito de non pertencer a grandes grupos empresariais e tamén ao factor xeográfico, sendo as máis rendibles as situadas na provincia de Pontevedra “a zona máis apropiada para este tipo de enerxía en Galicia, sobre todo nas Rías Baixas”.

Reparto xeográfico por tipo de enerxía

De cara ao futuro o experto salienta a necesidade de levar a cabo un reparto xeográfico por tipo de enerxía “xa que non ten senso pór en marcha instalacións fotovoltaicas en zonas de pouca radiación solar”. Ao tempo, o autor da tese fai fincapé na necesidade de crear un marco normativo que dea estabilidade ao sector “xa que os cambios na lexislación desincentivan aos potenciais investidores”.

Na liña de melloras a pór en marcha, Félix Puime sitúa tamén a necesidade de realizar maiores esforzos no fomento da innovación e a mellora do rendemento dos equipos. “Ademais débese fomentar a formación en finanzas dos xestores das empresas e, non menos importante, é continuar coa internacionalización”, engadiu o autor da investigación.

Empresa vs docencia

Félix Puime (A Coruña, 1963) combina na súa faceta profesional a consultaría empresarial co labor docente como profesor asociado, labor que ven exercendo dende o curso 1994-1995. Matemáticas financeiras, contabilidade internacional ou novos instrumentos financeiros son algunhas das materias que leva impartido neste tempo.

A nivel empresarial no seu currículo destacan cargos como o de director financeiro de Conservas e Elaborados Guau ou responsable de Expansión Internacional do Grupo Hedomin, unha formación empresarial composta por máis de dez empresas que abarcan actividades como a fabricación de paneis solares e instalación de parques fotovoltaicos e eólicos.