DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O estudo publicado pola Universidade de Vigo pretende coñecer mellor as necesidades deste tipo de pe

A intelixencia emocional e as habilidades sociais dun menor, clave para previr comportamentos delitivos

A contorna familiar, escolar e comunitaria pode contribuír á aparición deste tipo de condutas

Etiquetas
  • Pontevedra
Iolanda Fernández DUVI 22/05/2013
O xeito no que o ser humano percibe, comprende e xestiona as súas emocións; as estratexias que decide empregar ante un determinado conflito; as habilidades sociais que desenvolve ao longo da súa vida... son algúns dos factores que poden determinar a aparición dun comportamento antisocial e/ou delitivo nunha idade temperá se non se xestionan de modo axeitado. A decana da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Francisca Fariña, xunto á tamén profesora da Universidade de Vigo María José Vázquez Figueirido, e aos profesores da Universidade de Santiago de Compostela Ramón Arce e Mercedes Novo, son os autores dunha monografía na que se analizan as claves necesarias para coñecer mellor esta conduta en menores.

No estudo Comportamento antisocial e delitivo en menores en conflicto social, que edita a Universidade de Vigo, ademais da intelixencia emocional, as estratexias de enfrontamento e as habilidades sociais do individuo estúdanse factores de risco entre os que destacan a imaxe que a persoa ten si mesma (autoconcepto) e o grado no que un suxeito percibe que a orixe dos eventos, condutas e comportamentos nos que se ve involucrado é allea ou non á súa propia persoa (lucus de control). Ademais, a contorna familiar, escolar e incluso comunitaria do menor pode converterse facilmente noutro factor determinante xunto á vertente biolóxica innata á persoa.

Temporal ou de por vida

“Os comportamentos antisociais poden aparecer no curso evolutivo da persoa, podendo ser persistentes ou non”, salienta Fariña. Deste xeito, a investigación destes catro profesores universitarios analizan a conduta antisocial dun individuo en relación ás súas etapas vitais, facendo fincapé naqueles comportamentos que se vinculan directa ou indirectamente co inicio, mantemento e a finalización desa actividade delitiva. Con todo, “cómpre salientar que algunhas destas condutas desviadas poden marcar o inicio ou a progresión da carreira delitiva ou ben aparecer de xeito transitorio”. “A persistencia e a cronicidade da conduta antisocial permitirá prever se esa carreira se vai a estender máis alá da maioría de idade”, destaca.

A familia, un papel determinante

A maioría dos investigadores neste eido salientan que a familia do individuo, neste caso un menor, ten un papel importante no desenvolvemento deste tipo de comportamentos. “Agora ben, cantos máis factores de risco presente a persoa en cuestión, tamén biolóxicos ou psicolóxicos, maior probabilidade ten de adquirir un comportamento desviado”, asegura Fariña. Así xustifícase unha intervención personalizada que debe complementarse na maioría dos casos con outra intervención tamén exhaustiva no plano familiar, académico e incluso sociocomunitario. Con todo, “o deseño do tratamento debe atender ás necesidades criminolóxicas detectadas no menor tendo moi claro que a intervención debe adaptarse ás necesidades de cada caso concreto”.

A prevención como posible solución

A pesares de que o estudo do comportamento antisocial e delitivo entre os máis novos é un tema abordado con frecuencia entre os investigadores, nas etapas de crise económica como a actual tratar dende todas as perspectivas posibles este asunto convértese nunha prioridade. “En períodos coma este as redes de protección, isto é, a familia, a escola e a comunidade, presentan unha menor capacidade para desenvolver accións de prevención como as que precisan estes menores”, destaca Fariña.

Na súa investigación, os profesores da Universidade establecen tres niveis de intervención. O primeiro deles estaría dirixido ao conxunto da sociedade. O segundo programa tería como público obxectivo ás persoas que teñan algún factor de risco para previr a aparición deste tipo de condutas. Por último, o terceiro nivel de intervención estaría reservado para aqueles menores que xa manifestaron estas actitudes e precisan dunha atención personalizada na que se traballe polo miúdo na vertente biolóxica, sicolóxica e psico-social deste comportamento.