DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acollerá en abril e maio un Curso de Competencias Horizontais

Intelixencia emocional e outras habilidades para atopar un emprego

Está aberto o prazo de inscrición para as 30 prazas dispoñibles

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 01/03/2012

Alén dos coñecementos específicos necesarios para exercer unha profesión hai unha serie de habilidades que é preciso saber manexar para atopar un traballo e acadar o éxito profesional e persoal. Son, por exemplo, a intelixencia emocional, a motivación, a capacidade de comunicar e o liderado. Para contribuír a formar aos membros da comunidade universitaria e de fóra dela neste eido, o campus de Ourense acollerá durante os meses de abril e maio un Curso de Competencias Horizontais.

A iniciativa, que se celebrará tanto no campus de Ourense coma no de Pontevedra, está organizada pola Área de Emprego da Vicerreitoría de Transferencia do Coñecemento, a Vicerreitoría do campus de Ourense e o Consello Social da Universidade de Vigo, que financia o curso. “Na actual situación económica e coas cifras de paro que padecemos, este curso quere contribuír a que as persoas participantes teñan máis oportunidades de éxito á hora de buscar un emprego, formándoas non en coñecementos específicos senón en habilidades e competencias”, salienta Alberto Vaquero, director da Área de Descentralización do campus de Ourense.

Da autoestima á resolución de conflitos

As sesión comezarán o día 13 de abril achegando aos asistentes á intelixencia emocional e ás ferramentas para o seu desenvolvemento. O curso continuará durante un mes, ata o 18 de maio, abordando cuestións como o autocoñecemento, a motivación, o liderado, as habilidades sociais e a felicidade no traballo. A autoestima, a autonomía, o traballo en equipo, a comunicación eficaz, a resolución de conflitos e a psicoloxía positiva serán algúns dos conceptos que traballarán os docentes do curso.

O prazo para inscribirse na iniciativa, que conta cun máximo de 30 prazas, xa está aberto. Na matrícula terán preferencia os membros da comunidade universitaria pero, en caso de quedar prazas libres, abrirase a persoas alleas á mesma que acrediten uns estudos mínimos equivalentes a segundo de bacharelato. As clases desenvolveranse no Edificio de Facultades do campus e o principal requisito que se lle pide aos asistentes é moitas ganas de aproveitar ao máximo o curso para mellorar as súas habilidades na busca dun emprego.

Colaboración para o fomento do emprego

A celebración deste curso, apunta Alberto Vaquero, non é unha actividade illada senón que se enmarca dentro da colaboración e das sinerxías entre departamentos da Universidade de Vigo e entidades como o Consello Social para, xuntas, levar a cabo iniciativas que redunden no beneficio da comunidade universitaria e da poboación en xeral en temas de especial interese, coma neste caso e neste momento económico o emprego e o emprendemento.