DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nos Obradoiros do primeiro cuadrimestre

O intercambio de coñecemento entre alumnos das distintas facultades destaca como principal novidade

Ao carón do de "Educación Viaria", impartido polo policía local, Maxi Cid

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
María Boullosa DUVI 15/10/2007

Repleta de novidades, hoxe foi presentada a oferta de Obradoiros para este primeiro cuadrimestre no Campus de Ourense. O acto, celebrado ás 12:30 horas no Salón de Graos do Edificio de Ferro, foi conducido polo técnico de Cultura Filemón Rivas, quen comezou explicando aos asistentes o obxectivo dos cursos: “Son uns talleres que duran entre 20 e 30 horas, que aportan créditos de libre elección aos alumnos e que tentan, fóra das áreas curriculares das distintas titulacións, unha formación integral do estudante”. Para este curso, serán 19 os obradoiros que tenten acadar o interese da comunidade universitaria e da sociedade ourensá en xeral. Algúns xa son coñecidos, pero cinco inician desta volta a súa traxectoria. Dentro deles, destaca o de “Educación viaria para a xuventude”, xurdido, segundo Rivas, da necesidade de implicación do campus universitario nas tarefas de concienciación da xuventude fronte a problemáticas sociais nas que están directamente implicados, neste caso os accidentes de tráfico. Para elo, o curso contará coa colaboración da Asociación de Prevención de Accidentes de Tráfico (P.A.T.) e o policía local, Maxi Cid, coñecido pola súa labor en campañas de sensibilización como a de “Ponte un cero en alcohol”. “Imos traballar cos mozos as estratexias de actuación e diversas análises de material didáctico para que poidan incluír a educación viaria no seu currículo. É a nosa primeira experiencia na Universidade, polo que estamos moi contentos de afrontar este reto que para nós é moi importante, sobre todo, debido ás altas e tráxicas cifras de cada fin de semana”, describiu Maxi, ao que engadiu Rivas; “Iniciouse a matrícula esta mañá e nunha hora e media xa levaban doce matriculados”.

Outras novidades

Coa finalidade de poñer en valor os recursos propios do campus, este ano a gama de Obradoiros aposta pola transmisión de coñecemento que cada titulación pode facerlle aos estudantes das outras. Deste xeito xurdiron cinco obradoiros de tipo práctico, onde un recibe o nome de “Ponte Dereito e faino ti mesmo”, organizado pola asociación OPICO e o vicedecano da Facultade de Dereito, Iago Fariñas: “Ofreceremos unha visión moi práctica de maneira que, cuns mínimos coñecementos xurídicos, os participantes poidan sacar adiante moitas situacións da vida cotiá como presentar escritos sinxelos, instancias, ou incluso algunha reclamación xudicial onde non son necesarios avogados nin procuradores”.
A este súmanse catro. Dende a Escola Superior de Enxeñería Informática xurdiu o de “Descubrindo Linux”, que dará a coñecer este sistema operativo libre a todos os interesados; dende Empresariais de Turismo o de “Sumérxete no mundo laboral”, que será impartido por unha alumna de terceiro ciclo co fin de ofertar aquelas ferramentas para buscar emprego ou montar unha empresa propia; e dende a Facultade de Ciencias, coa colaboración da Asociación Universitaria Medioambiental, SYME, ofrecerá “Introducción á astronomía”.
Por último, pola parte de Ciencias da Educación, unha recente titulada utilizará o conto e a poesía como recurso na transmisión de coñecemento no obradoiro “Contacontos”.

Outros obradoiros e matrícula

Fronte as novidades, existen moitos que xa contan cunha longa experiencia. É o caso de “Folclore: gaita e pandeireta”, “Cerámica”, “Coro”, “Risoterapia”, “Supervivencia, técnicas de escalada e rappel”, “Voluntariado e solidariedade”, “Prevención de riscos laborais” ou o de “Orientación Universitaria”.
Ao seu carón, tamén se celebrarán as tradicionais aulas de teatro, nos tres niveis, e o de Teatro Infantil, “no que se preparará a peza a representar na cuarta edición da MOTI, alá no mes de Nadal”, apuntou Rivas.
Para matricularse en calquera dos 19 obradoiros, dende hoxe e ata o 26 de outubro, os interesados deberán tramitar a matrícula nas oficinas Unidade Administrativa do campus, e aboar a contía precisa: 40 euros para o público en xeral, 30 euros para os membros da comunidade universitaria e 20 euros para os estudantes que gocen dalgunha bolsa de tipo económica.
Con todo, tres resultarán gratuítos. O de “Educación Viaria” e o de “Orientación Universitaria” pola temática que tratan, e o do “Coro” co fin de consolidar un grupo universitario no Campus. “Agardamos manter o nivel de participación de ocasións anteriores, en torno aos 350/400 participantes”, finalizou dicindo Rivas.