DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A tese de Artai Santos López rebate a homoxeneidade defendida desde hai décadas

Unha investigación confirma a heteroxeneidade na composición e diversidade de hábitats das floras do Xurásico da península ibérica

Tamén achega primeiros restos de insectos, de interacción planta-insecto e novas especies de plantas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 31/07/2023

No Xurásico, a península ibérica era unha grande illa con ecosistemas nos que habitaban grandes dinosauros e onde as floras eran bastante homoxéneas. Esta derradeira afirmación, defendida durante décadas, é rebatida na tese New palaeobotanical contributions to the Jurassic of Northern Iberian Peninsula: palynostratigraphical and palaeoecological insights do investigador da UVigo Artai Santos López. Dirixida polos docentes e investigadores da UVigo e da Fundación Teruel-Dinópolis, Jose Bienvenido Díez Ferrer e Luis Miguel Sender Palomar, respectivamente, a tese conclúe que “as floras do Xurásico non son tan homoxéneas, nin en composición, nin en diversidade de hábitats como se viña defendendo desde hai décadas”, explica o autor da investigación.

Os novos xacementos atopados e estudados confirman, segundo Artai Santos, que a península ibérica presentaba comunidades vexetais moi diferentes, dominadas por varios grupos, algunhas pteridófitas e briofitas adaptadas a medios húmidos (fentos e musgos), outras por Bennettitais (un grupo extinto e plantas) adaptadas a ambientes hidrotermais, mentres que outras da zona da península estarían dominadas nesa época por coníferas con adaptacións a medios secos e costeiros. “En xeral, non podemos falar dun único tipo de vexetación durante este período, senón dun complexo mosaico de diferentes grupos de plantas que se adaptaban á variedade de ambientes que habían na Iberia naquel momento”, asegura o investigador.

A maiores desta conclusión, o traballo desenvolvido por Artai Santos durante catro anos, permitiu atopar os primeiros restos de insectos e de interacción planta-insecto do Xurásico na península, así como novas especies de plantas como Ricciopsis asturicus, unha nova especie de musgo que habitaba a Costa dos Dinosauros de Asturias. Neste sentido, o investigador destaca que coñecer as comunidades vexetais o Xurásico “axudounos a reconstruír as paisaxes Xurásicas e os ecosistemas nos que habitaban os grandes dinosauros da época”.

A investigación desenvolvida por Artai Santos centrouse en varios xacementos paleobotánicos do Xurásico Medio e Superior do Norte da península. “O restos de plantas destas idades permítennos deducir as comunidades vexetais dominantes durante o Xurásico, así como detalles sobre as condicións climáticas e as relacións ecolóxicas do momento” explica o investigador, que confirma que para o estudo paleobotánico complementou a análise de macrofósiles de plantas coa palinoloxía, o estudo dos grans de pole e as esporas. “Así mesmo, detectamos marcas de herviboría e actividade de insectos nos fósiles de plantas, o que nos permitiu reconstruír algunhas das relacións ecolóxicas entre estes dous grupos de organismos dominantes nos ecosistemas terrestres”, detalla Santos.

Novos xacementos e novas interpretacións paleoecolóxicas á paleobotánica ibérica

Aínda que o enfoque inicial da tese era o de valorar o coñecemento das floras xurásicas da península ibérica, así coma o estudo de novos xacementos do Norte da península, incluíndo mostras xurásicas da plataforma mariña do Banco de Galicia e da Costa dos Dinosauros en Asturias, o autor da investigación recoñece que algúns obxectivos específicos tiveron que adaptalos, “xa que ao incluír traballo de campo e escavacións, os novos achados implicaron cambiar un pouco o enfoque”.

Ademais de achegar novos xacementos, Artai Santos destaca que a súa investigación tamén presenta novas interpretacións paleoecolóxicas e taxonómicas/sistemáticas á paleobotánica ibérica. “Dunha  banda, achegamos varias novas floras deste período, prospectadas e escavadas ao longo desta tese, que permiten mellorar o crebacabezas paleofitoxeográfico do Xurásico e ter unha visión máis completas das comunidades do momento”. 

A esta achega, o investigador da UVigo engade un mellor coñecemento da taxonomía de diferentes grupos de plantas, incluíndo as Briófitas, nas que crearon unha nova especie e fixeron unha revisión xeral do grupo, así como perfilar o estado das relacións entre as plantas de insectos durante esta época, así como estratexias e dispersión e insectos e capacidade para colonizar ecosistemas illados. “Nalgúns destes campos, como o da interaccións planta-insecto do Xurásico non se coñecía ningún dato previo para a península, nin de interaccións nin de insectos, e partir de cero resultou difícil, pero finalmente conseguimos dar o primeiros pasos neste campo e actualmente continuamos avanzando con novos datos que estamos a estudar”, avanza Artai Santos.