DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pontevedra converteuse este xoves en sede dun congreso internacional itinerante sobre esta problemát

Investigación e infancia, unidas contra a pobreza

Investigadores da Universidade presentan os seus estudos na xornada que se desenvolve no Pazo da Cul

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 14/01/2016

Segundo os datos de Eurostat, o índice de pobreza infantil e xuvenil situouse en España no 29,9% no pasado ano 2015, o segundo máis elevado de Europa, por detrás do 36,4% de Romanía. Cifras como esta permiten amosar a pobreza infantil como un problema de primeira magnitude, que é preciso denunciar e tratar de solucionar. Con eses obxectivos, o Congreso Internacional e Interuniversitario Contra la Pobreza Infantil en el Mundo, que promoven o Consejo Independiente de Protección de la Infancia (CIPI) e a Asociación Infancia, Cultura e Educación (AICE) iniciou o pasado mes de novembro unha xira por cidades e universidades de toda España que este xoves chegou ata o Pazo da Cultura de Pontevedra, onde nenos e nenas, profesionais, expertos e investigadores comperten un debate sobre as estratexias políticas, sociais e administrativas que deberían impulsarse para facer fronte a esta problemática.

Organizada coa colaboración da Universidade, representada no seu Comité Científico pola catedrática de Psicoloxía Xurídica do Menor Francisca Fariña e pola directora do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa, Camen Verde, a que é a décimo quinta sesión dun congreso que botou a andar en novembro na Universidade de Huelva, abriuse esta mañá no Pazo da Cultura coa participación de preto de 40 estudantes do IES Luís Seoane. “Queremos buscar solucións ao problema da pobreza infantil contando coas vosas ideas e opinións, xa que coa perspectiva dos nenos veremos mellor esta sociedade”, salientou o presidente do CIPI, Antonio Jiménez, na apertura “congreso infantil” que abriu a xornada e que se completou coa celebración paralela dun grupo de discusión, no que expertos e profesionais de ámbitos como o educativo ou o socio-sanitario, compartiron debate con representantes de asociacións ou con investigadores e investigadoras.

O obxectivo, como explican José David Gutiérrez e Soledad Martínez, da AICE, é promover un debate sobre diferentes cuestións vinculadas aos problemas da infancia, para que, xunto coas propostas achegadas polos nenos e nenas, ir sumando novas achegas en cada parada da xira, “coas que posteriormente elaborar un plan estratéxico que recolla as experiencias e traballos de todas as cidades polas que pasou” este congreso itinerante, que ten programadas un total de 35 sesións en diferentes puntos de España, Portugal, Marrocos e Colombia.

Os efectos da crise na infancia

“O que se busca é poñer sobre a axenda pública o problema da pobreza infantil, que en España é un dos máis graves, tendo en conta esas cifras inadmisibles para un país que se considera do primeiro mundo”, salienta Carmen Verde dunha iniciativa que ao longo desta tarde continúa cun congreso profesional, que abrirá a conferencia de María Luísa Márquez, coordinadora en Galicia da Rede de Escolas UNESCO, á que agarda incorporarse a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Tras este relatorio, presentaranse un total de 16 comunicacións por parte de diferentes investigadores e investigadoras, a meirande parte deles pertencentes á Universidade de Vigo, na que é a sede, polo de agora, con maior número de investigacións presentadas, segundo apuntan desde a organización.

Entre eles, as realizadas polos profesores Carmen Verde e Francisco Xabier Aguiar, que amosarán algunhas das conclusións do estudo sobre pobreza infantil que veñen realizando coa colaboración dos profesionais dos servizos sociais da provincia de Ourense. “Os resultados do estudo que levamos a cabo sobre o impacto da crise nas familias corroboran que os nenos son unha das franxas sociais máis afectadas”, salienta neste senso Verde, que alerta dos efectos das “políticas de austeridade na vida cotiá das familias”.

Mediación e coparentalidade

Tamén terán un especial protagonismo neste congreso as investigadoras do grupo PS-1, que dirixe Fariña, responsables dun bo número das comunicacións que se presentan. Andrea Abilleira, Katia Rolán, María José Vázquez, Vanesa Parada, Macarena Martínez, Imma Victorino ou Patricia Velasco son algunhas das investigadoras que achegan a esta xornada as conclusións dos seus estudos en ámbitos como a mediación ou a coparentalidade. “Cando falamos de pobreza infantil non podemos falar exclusivamente do económico, senón de calquera cousa que vaia en detrimento do benestar dos nenos”, salienta neste senso Fariña, que pon de relevo o traballo que veñen desenvolvendo no eido da coparentalidade, que busca promover que pais e nais, tanto separados como en parella, acorden “que é o mellor para os seus fillos, responsabilizándose ambos da toma da decisións”. Non en van, “as discrepancias educativas son un dos mellores preditores do fracaso académico e persoal dos nenos, principalmente da adolescencia”. De aí tamén a importancia doutro dos eixos de varias comunicacións, a mediación, tanto no ámbito xudicial, como a que se vén desenvolvendo nos servizos postos en marcha nos xulgados de Vigo e Pontevedra, como no propio ámbito escolar, eixo do relatorio que imparte o profesor Miguel Cuevas, e que se amosa como un xeito de que “ir introducindo aos nenos nunha cultura da paz e a convivencia”, como sinala Fariña.