DUVI

Diario da Universidade de Vigo

María Carmen Hernández descarta na súa tese de doutoramento que o factor tisular sexa o único nexo

A investigación médica dá un paso máis para descubrir a relación entre trombose e cancro

O estudo actualiza sistemas de predición de episodios trombóticos en persoas con esta enfermidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 25/06/2012

A incidencia da enfermidade tromboembólica veosa, coñecida como trombose, é catro veces maior nas persoas que padecen cancro que na poboación xeral. Para avanzar no coñecemento desta relación e froito do seu traballo diario con pacientes con estas dúas doenzas, a médica María Carmen Hernández, xefa de Hematoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, elixiu investigar fai cinco anos se o nexo entre cancro e trombose puidera ser o chamado factor tisular (FT) circulante ou asociado a micropartículas procoagulantes (MPs), presente nas paredes dos vasos sanguíneos e noutras células. Este luns, na lectura da súa tese de doutoramento na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, salientou que o seu traballo revela un importante papel deste factor e destas micropartículas na enfermidade do cancro pero a súa asociación coa presenza de trombose non puido ser establecida. “Os resultados do estudo abren novas perspectivas terapéuticas nestes pacientes baseadas na modulación do FT e/ou das MPs, o que permitirá no futuro tratamentos individualizados”, apunta a investigadora.

Con máis de dúas décadas de experiencia en hematoloxía e hemoterapia, María Carmen Hernández recibiu a máxima cualificación pola súa tese, dirixida polos doutores José Antonio Páramo e Jesús García Mata e realizada no marco do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da Universidade de Vigo. Nela, a investigadora amosa os resultados dun estudo no que participaron 36 persoas sas de Ourense e 262 pacientes maiores de 18 anos diagnosticados con cancro de diferente tipo (dixestivo, de pulmón, de mama, de linfoma, de Hodgkin e xinecolóxico), en distintos estadios e que requirían tratamento de quimioterapia. Tendo en conta que o mecanismo que relaciona trombose e cancro é debido a múltiples factores, a doutora quixo analizar nesta investigación a posibilidade de que o FT e/ou MPs favorecese a activación da coagulación nas persoas con cancro e tamén se este factor podería constituír un indicador biolóxico que alertase da posibilidade de trombose en casos de cancro.

Influencia pero non factor único

A incidencia da trombose en pacientes con cancro na serie analizada foi do 13,35%, máis frecuente nas persoas coa enfermidade máis avanzada, sen detectar influencia da terapia seguida nesta incidencia. No 25% dos casos a diagnose de cancro foi concorrente ao dun evento trombótico e a maioría dos episodios, o 65%, aconteceron nos primeiros catro meses. A trombose, sen embargo, non aumentou a mortalidade na mostra estuda, segundo recolle o estudo.

“Na serie analizada as concentracións de factor tisular atópanse elevadas, sobre todo nos estadios avanzados ou ante a presenza de metástase, pero non foron preditores de trombose. Polo tanto, o FT non constituiría o único nexo entre cancro e trombose”, explica a doutora. Aínda que as micropartículas asociadas ao factor tisular, engade, non se comportaron como indicadores previos da trombose, están aumentadas no cancro de pulmón, nos cancros en recaída e nos pacientes con risco de Khorana intermedio ou alto. En todo caso, apunta a doutora, “a súa presenza relaciónase co aumento da mortalidade, polo que poderían no futuro ser empregadas en modelos preditivos”.

Mellora dos sistemas de prevención

O dímero-D, produto da degradación da proteína fibrilar, é o único biomarcador cuxa elevación se relacionou na investigación significativamente coa aparición de trombose, ao igual que a historia previa de eventos trombóticos. “Nos pacientes con cancro, nos que o biomarcador DD está por riba de 594 ng/ml e ademais están no estadio avanzado ou teñen antecedentes persoais de trombose, podemos realizar tratamentos preventivos de fenómeno tromboembólico para que estes eventos non acontezan nos primeiros meses de diagnose do cancro”, destacou a doutora entre as conclusións da súa investigación.

Na súa tese, Hernández Sánchez tamén alerta de que os pacientes con alto risco de Khorana non presentaron máis trombose que os de risco baixo e intermedio. “De ter administrado a profilaxe segundo os criterios establecidos teríamos deixado de aplicala a un importante número de pacientes que presentaron eventos trombóticos”, advirte. Segundo explica, unha das utilidades da investigación é que deixa patente que “algún modelo de predición de trombose en persoas con cancro, como o índice de Khorana, realizado a partir de series de pacientes americanos, poden non ser útiles en pacientes da área mediterránea. No futuro propoñémonos realizar as modificacións pertinentes para adaptalo ás características da nosa poboación e valorar a súa utilidade”.

“Con esta investigación puxemos a punto novas técnicas analíticas relacionadas co cancro e coa coagulación, non realizadas ata o de agora en ningún hospital galego e só nalgúns moi especializados de España. Tamén puidemos coñecer algunhas variables que aumentan a mortalidade nos pacientes con cancro e se no futuro se pode actuar sobre elas, non cabe dúbida de que poderíamos mellorar a taxa de supervivencia do cancro”. Un desexo compartido pola investigación médica e pola sociedade en xeral, dada a incidencia desta enferminade nela.