DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É a novena expedición ao continente xeado, a segunda dentro do proxecto Radiant

Investigadores do CIM-UVigo regresan á Antártida para avaliar o efecto da radiación solar e da temperatura sobre as macroalgas

Traballarán nos intermareais sedimentarios de Porto Foster, na illa Decepción

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 08/01/2024

A Universidade de Vigo volve poñer rumbo á Antártida. Este domingo partiron do aeroporto de Peinador os investigadores Mariano Lastra, Jesús Souza Troncoso e Jesús López, membros do Centro de Investigación Mariña CIM-UVigo, que xunto co científico da Universidade de Cádiz, Iván Franco Rodil, compoñen o equipo do proxecto Radiant. Agardan chegar á base española Gabriel de Castilla arredor do día 14 para comezar a segunda parte deste proxecto inserido na XXXVII Campaña Antártica do Exército de Terra. Teñen por diante unha longa viaxe que inclúe un voo de 13 horas que parte na tarde de hoxe luns dende Madrid cara Santiago de Chile. Unha vez na capital chilena collerán outro avión a Punta Arenas, onde terán que facer as probas de covid para, posteriormente, como explica Mariano Lastra, "embarcar o día 11 nun voo fletado polo comité polar de Corea do Sur (KOPRI) con destino á base chilena Frei, na illa Rey Jorge, onde nos agarda o buque búlgaro Santos Cirilo y Metodio", que transportará os científicos españois á base Juan Carlos I e despois á base Gabriel de Castilla na illa Decepción.

Alí, e durante un mes, continuarán coa investigación iniciada nos meses de febreiro e marzo de 2023 para avaliar o efecto da radiación solar e da temperatura sobre a degradación da biomasa macroalgal en intermareais sedimentarios en Porto Foster, na illa Decepción. Nesta segunda parte do proxecto, que ten tres anos duración, ademais de continuar coas mostraxes nas praias da baía, realizarán dous experimentos para determinar o efecto do aumento da radiación e a temperatura.

Avaliar o procesos ecolóxicos asociados á descomposición das macroalgas

O catedrático do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal e investigador do CIM-UVigo Mariano Lastra lidera este proxecto que se centra nos depósitos de macroalgas procedentes do substrato rochoso depositadas sobre a liña de costa polas correntes e mareas, que funcionan como xeradores de numerosos procesos ecolóxicos asociados á súa descomposición, incluíndo o consumo, o subministro de hábitat e a actividade bioxeoquímica do sedimento. O obxectivo do proxecto Radiant é cuantificar estes procesos en dez praias ao longo do litoral de Porto Foster e o seu efecto sobre a liberación de nutrientes e a emisión de CO2 a través do sedimento, como estimador da actividade metabólica do substrato. 

Na campaña do pasado ano realizouse unha primeira quenda de probas, ademais de estudar tamén os efectos do aumento de radiación UV e da temperatura relacionada co quentamento climático, sobre as principais variables bioxeoquímicas asociadas aos subsidios de macroalgas depositadas sobre o litoral. Tras analizar durante varios meses as mostras e os datos obtidos na campaña antártica de 2023, os investigadores do CIM puideron determinar que as algas sometidas a un exceso de UV reducen a súa taxa de descomposición e mineralización bacteriana, cun efecto antagónico da temperatura, que provoca un incremento substancial da taxa metabólica do substrato ante incrementos de temperatura no rango previsto polo IPCC para o noroeste da península ibérica, de entre 0.5 e 1 C na próxima década. Ademais, en colaboración cos integrantes do proxecto Erupting, Antonio Polo e Antonio Caracausi, tomáronse mostras do gas emitido nas distintas praias co obxectivo de analizar a firma isotópica do CO2 para determinar en que proporción as emisións medidas teñen orixe volcánico ou biolóxico, algo de grande interese nunha contorna volcánica como é a da illa Decepción. 

Continuar o traballo en dez praias da illa Decepción

Para esta nova campaña que está a piques de comezar, o equipo do CIM-UVigo replicará as mostraxes ao longo do arco da baía e ademais realizarán outros dous experimentos, un de manipulación do medio natural e outro en condicións de mesocomos en laboratorio. No primeiro deles, empregaranse filtros selectivos de radiación UVA/B para valorar a hipótese de que o incremento na radiación UV incidente debida á apertura do buraco de ozono provocará alteracións dos procesos de descomposición da biomasa macroalgal acumulada nos intermareais sedimentarios de Porto Foster. Este experimento levarase a cabo na praia de Fumarolas coa alga Rhodophyta Palmaria decipiens (Reitsh), dominante nas achegas de macroalgas que reciben estes areais. O experimento en mesocosmos, pola súa banda, permitirá estudar os efectos da alteración da UVR sobre os consumidores primarios. Para isto analizarase a taxa de consumo do anfípodo herbívoro Gondogeneia antarctica (Chevreux, 1906) sobre fragmentos de dúas especies de macroalgas antárticas, Palmaria decipiens e Desmarestia antárctica, que previamente serán irradiadas con exceso de UVA e UVB. 

30 proxectos na XXXVII Campaña Antártica

O proxecto Radiant é un dos trinta que conforma a XXXVII Campaña Antártica coordinada polo Exército de Terra que botou a andar o 1 de xaneiro coa chegada dos primeiros equipos á base Gabriel de Castilla. As actividades científicas abranguen distintas disciplinas, como as ciencias da vida e ambientais, que se relacionan co 39 % dos proxectos, as ciencias da terra, un 30 %, e as ciencias físicas e do clima, un 33 %, aínda que a maioría son proxectos multi e pluridisciplinares e algúns deles sitúanse na fronteira do coñecemento. Entre outras investigacións, a campaña estudará a biodiversidade na Antártica, a adaptación das colonias de pingüíns ao cambio climático, o estado ambiental do océano austral, e eventos tectónicos e climáticos. En total, nesta campaña participan arredor de 240 persoas entre a comunidade científica e o persoal técnico entre as bases antárticas españolas Juan Carlos I e o campamento internacional de Península Byers, a base Gabriel de Castilla e o buque de investigación oceanográfica Hespérides.