DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa celebración de dous congresos

Investigadores dos cinco continentes na Facultade de Filoloxía e Tradución

Os expertos en literatura poscolonial reinvindican máis presenza nos novos plans de estudo

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 18/10/2007

Se de por si a Facultade de Filoloxía e Tradución é un centro políglota e multicultural, este xoves viviu unha intensa xornada coa celebración de dous encontros que reuniron no lugar investigadores dos cinco continentes. Dunha banda, o “III Congreso Internacional de Lingüística Hispánica: novos investigadores en linguas e lingüística” e, da outra, o “I Simposio sobre Docencia e Investigación das literaturas poscolinais: o estado dos estudos poscoloniais nas universidades españolas”.
No congreso sobre lingüística as horas de programa resultaron escasas para as máis de 80 comunicacións que solicitaron participar. En total quedaron en 60 repartidas en dúas xornadas e media de encontro. “Hai presenza de investigadores das universidades españolas, sobre todo andaluzas e catalás, pero tamén do resto de Europa –Alemaña, Francia, República Checa, Reino Unido, Rusia...- e tamén comunicantes que proceden de África e, máis concretamente de Nixeria, tamén de Taiwan, de China, de América do Sur, de Estados Unidos”, subliñaba Joaquín Sueiro, decano da Facultade de Filoloxía e Tradución e coordinador do comité organizador do congreso.
O obxectivo, en palabras de Sueiro, “que os novos investigadores, xente que está a facer a tese de doutoramento ou acaba de presentala, poidan presentar as súas investigacións. Trátase de darlle unha oportunidade á mocidade investigadora de expor, de comprobar, de contrastar as súas investigacións e, sobre todo, establecer as súas propias redes de investigación”.
No referido a darlle auxe a estas redes o vicerreitor de Investigación, Manuel Reigosa, salientou na inauguración que no vindeiro curso se van implantar na Universidade novas axudas para favorecer a súa posta en marcha. “O ideal é lograr grupos amplos e menos atomizados cos actuais”, comentaba.
Xunto a Reigosa acudiron á inauguración Santiago Domínguez, tenente alcalde do Concello de Vigo e Rosa Pérez, directora do Departamento de Lingüística Española. Contouse tamén coa presenza do investigador Ángel López, encargado de impartir a conferencia inaugural, e do profesor da UVigo Fernando Romo, que o presentou. Baixo o título “El origen del lenguaje entre la Biología y la Física” o investigador valenciano disertou sobre as orixes da linguaxe e a súa evolución.
As comunicacións continúan na xornada do venres e na mañá do sábado.

Dezasete universidades no encontro sobre poscolonialismo

Coñecer como está a situación dos estudos poscoloniais nas universidades españolas, con miras a determinar as estratexias a seguir de cara a implantación dos novos plans de estudo é o obxectivo do encontro sobre literaturas poscoloniais que hoxe se iniciou en Filoloxía entre expertos de dezasete universidades españolas.
Estas literaturas abranguen o conxunto de literaturas feitas en inglés, excepto a norteamericana e a británica, inclúense pois a irlandesa, escocesa, galesa, india, africana, caribeña... A situación actual destes estudos, segundo Belén Martín Lucas, organizadora do encontro, “ caracterízase polo feito de que as materias sobre poscolinialismo son minoritarias dentro do ámbito da Filoloxía Inglesa, non no que se refire a número de alumnos, pero si en presenza nos plans de estudo. Imos definir que estratexias imos empregar para que a presenza nos novos plans sexa a que debería de ser , ou cando menos, ter máis presenza da que se tivo ata o de agora”. Para ela o obxectivo ideal a conseguir sería “que estas literaturas teñan o mesmo peso cas literaturas inglesa e norteamericana, pois a produción máis interesante na literatura en lingua inglesa na época contemporánea, provén de xente de orixe poscolonial”.
En referencia ao alto número de mulleres neste tipo de literatura, Martín Lucas destaca que “os estudos poscolonias son temas sobre a discriminación, a presión a colonización mental... e todas estas teorías coinciden coas teorías dos feminismo, de aí tamén que as mulleres esteamos máis comprometidas. Isto tamén se reflicte no que é a situación dos estudos, precisamente porque son máis mulleres están menos recoñecidos, mentres que estudos máis canónicos nos que os homes se dedican máis si se lles dá máis prestixio e relevancia.”
Unha conferencia plenaria centrada no estado actual da docencia das literaturas poscoloniais nas universidades españolas: metodoloxías, estratexias para levar estas literaturas ao alumnado, etc. iniciou o encontro.
As conferencias e paneis continúan ao longo da xornada de hoxe.