DUVI

Diario da Universidade de Vigo

HidroHelix é quen de quentar sen emisións de carbono grazas ao uso do hidróxeno renovable

Investigadores do Cintecx testarán a nova caldeira do grupo Ferroli que funciona ao 100% con hidróxeno verde

O equipo da UVigo está liderado polos profesores Jacobo Porteiro e David Patiño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 23/01/2024

Un grupo de investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, Cintecx, serán os encargados de probar unha nova caldeira, a primeria que funciona ao 100% con hidróxeno verde. Deseñada e fabricada polo grupo Ferroli, un referente internacional no mercado da calefacción e a climatización doméstica e profesional, é froito do intenso traballo que esta empresa vén desenvolvendo na procura de sistemas para o confort do fogar con baixos niveis de contaminantes e baixas emisións.

HidroHelix xa foi testada no centro de Investigación e Desenvolvemento que a empresa ten en Italia, pero agora será un equipo do Cintecx, liderado polos investigadores do grupo de Tecnoloxía Enerxética Jacobo Porteiro e David Patiño, o que se encargará de realizar a fase de probas de fiabilidade e durabilidade da caldeira. Para isto teñen xa a súa disposición nas instalacións de Cintecx, como explica Patiño, un prototipo precomercial, co que traballarán ao longo dos próximos 10 ou 12 meses. De sair adiante con éxito o proxecto, esta sería a primeira caldeira que funciona só con hidróxeno verde que habería no mercado e isto, subliña Patiño, "para o noso grupo ten moita importancia, xa que estamos a traballar cun equipo único e moi punteiro".

HidroHelix, 100% verde

A liña de traballo do Grupo Ferroli na procura de solucións enerxéticas sustentables vai na liña das políticas fixadas pola Unión Europea na loita contra o cambio climático. Entre outras medidas, a UE aposta pola redución das emisións de gases de efecto invernadoiro polo menos nun 55% de aquí ata 2030 e obriga aos estados membros a explotar, polo menos, un 40% de recursos renovables e a aumentar a eficiencia enerxética nun 32,5%. A nova caldeira do grupo, HidroHelix, é capaz de quentar sen emisións de carbono grazas ao uso do hidróxeno renovable como vector enerxético, facilitando así o cumprimento destes obxectivos, como indican dende a empresa. 

De feito, lembran que Ferroli leva “moito tempo investindo no desenvolvemento de sistemas para o confort do fogar con baixos niveis de contaminantes e baixas emisións ao medioambiente e, na actualidade, toda a súa gama de caldeiras murais residenciais de condensación está preparada para funcionar con mesturas de gas natural/hidróxeno renovable en porcentaxes de ata o 80%/20%". 

Verificar a durabilidade e fiabilidade

O seguinte obxectivo da compañía é poñer no mercado esta nova caldeira que funciona ao 100% con hidróxeno verde e ten unha potencia de 24 kW en calefacción e 28 kW en produción de auga quente sanitaria, mantendo a mesma forma e tamaño que unha caldeira de gas natural convencional.

Tras as probas en Italia, agora comeza unha segunda fase de probas en Vigo, que consistirá en verificar a durabilidade e fiabilidade no tempo de algúns compoñentes estratéxicos implicados directamente na combustión do hidróxeno verde, marcando a diferencia entre HydroHelix e unha caldeira convencional. Para isto, os investigadores do CIntecx levarán a cabo unha serie de probas de estrés co obxectivo de reconfirmar o alto grao de fiabilidade e seguridade de HydroHelix, xa destacado polas probas realizadas nos laboratorios de Investigación e Desenvolvemento Ferroli en Italia.