DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Clausura das II Xornadas de e-Accesibilidade na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación

Investigadores e colectivos unen forzas para traballar pola igualdade das persoas con diversidade funcional

No derradeiro día, as asociacións plantexaron as súas necesidades de cara a unha autonomía persoal r

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 08/06/2011

Falar de normalidade fronte á discapacidade distorsiona o discurso e disfraza a realidade. Non existen persoas normais e persoas discapacitadas, existen persoas con necesidades diversas e tamén con capacidades diversas, persoas con diversidade funcional; non se precisan medidas especiais senón unha filosofía que conduza á accesibilidade universal, “porque todos somos discapacitados en algunha faceta”. Este é o substrato que queda tras pecharse ese mércores as Xornadas de e-Accesibilidade que, nesta segunda edición, se centraron na promoción da autonomía persoal. Nestes tres días houbo tempo para presentar avances tecnolóxicos que melloran a calidade de vida de maiores, dependentes ou persoas con discapacidade; coñecer as necesidades destes colectivos; e reflexionar sobre o binomio necesario “entre enxeñeiros que responden e unha sociedade que demanda”, como apuntaba o reitor no acto de clausura, “un espazo social de innovación”.

Nesta última xornada foron os colectivos e asociacións os que tomaron a voz para falar das súas necesidades especiais, “aínda que especiais son as necesidades de todos e cada un de nós”, explicaba Edita de Lorenzo, directora da EE de Telecomunicación. Representantes de COGAMI, Cruz Vermella ou TADEGA puxeron enriba da mesa a “súa diversidade de circunstancias, as súas diferentes capacidades sensoriais e físicas e as barreiras coas que se encontran”, apuntaba De Lorenzo.

Precisamente para darlle resposta a estas demandas e dar a coñecer as alternativas que ofrecen as tecnoloxías de información e da comunicación naceron estas xornadas, unha posta en común de novas ferramentas, aplicacións e tamén sensibilidades que procuren unha accesibilidade universal e traballen a prol da autonomía persoal das persoas con diversidade funcional, xa sexan maiores, dependentes ou persoas con problemas visuais, auditivos, espaciais ou motrices.

A sensibilidade como motor

No acto de clausura tanto Santiago Moreno, director xeral da Fundación Vodafone, María Méndez, concelleira de Benestar Social en funcións do Concello de Vigo e Modesto Rouco, subdirector xeral de Promoción de Autonomía Persoal coincidiron na necesidade de fomentar a sensibilidade na sociedade pero especialmente entre as novas xeracións que se forman nas universidades. Para isto, a directora da escola avoga por ensinar dende un punto de vista humano “como a tecnoloxía nos pode axudar a aproveitar os talentos e as diferenzas sensoriais e físicas, facendo un mundo máis accesible”, porque ver as diferenzas como discapacidades “é un modo excluínte de ver”.

Nesta implicación de administracións, empresas e organismos, a Universidade de Vigo tense involucrado dende a máis pura vertente da eliminación de barreiras arquitectónicas ata desenvolver dispositivos como un teclado virtual para persoas con discapacidade motora, sistemas de monitorización de medicamentos ou desenvolvendo as posibilidades da TV interactiva para teleasistencia. A concelleira María Méndez salientou tamén, no que foi o seu último acto oficial no cargo, o traballo que está a desenvolver o Concello en colaboración coa Universidade para desenvolver un dispositivo de chamadas de emerxencia para persoas con problemas auditivos.

Tamén o subdirector xeral de Promoción de Autonomía Persoal remarcou a implicación da Universidade na elaboración do Plan integral para persoas con discapacidade, aprobado no mes de decembro e no que a institución académica participou en dous grupos sobre autonomía persoal e sobre e educación. Ademais as tres universidades se comprometeron a avanzar na eliminación de barreiras arquitectónicas nos seus edificios docentes, de I+D e residencias e establecer un protocolo único que permita recoñecer a colaboración dos compañeiros de aqueles membros da comunidade universitaria con necesidades especiais que o necesiten.