DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O director do Instituto de Química Física Rocasolano presentou os últimos avances nestas moléculas

Investigadores do CSIC “abren” as nanocaixas aos físicos do campus

No marco do seminario 'Simulación Molecular de Sistemas Complexos'

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 05/07/2012

O ano pasado un grupo de investigación da Universidade de Boston descubriu as chamadas nanocaixas, moléculas que poden transportar no seu interior outras moléculas. Desde entón na área da química física, que estuda as propiedades e reaccións das moléculas, trabállase no estudo das posibilidades das nanocaixas coa idea de que nun futuro, o máis próximo posible, poidan ser empregadas na medicina. Para expor os últimos avances neste eido, investigadores do Instituto de Química Física Rocasolano, do CSIC en Madrid, impartiron este xoves un seminario no campus de Ourense.

Os científicos foron convidados polo Laboratorio de Termofísica da Universidade de Vigo para protagonizar o seu seminario anual, que nesta ocasión levou por título Simulación Molecular de Sistemas Complexos. Na inauguración do encontro, María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, salientou a alta especialización dos contidos e relatores participantes e a oportunidade que ofrecen iniciativas coma esta de pór aos investigadores na vangarda do avance científico. “O Instituto Rocasolano é un referente no eido da química física e para nós é unha honra poder contar coa súa participación neste seminario, unha iniciativa que é moi produtiva polas achegas científicas que se producen pero sobre todo porque nos permite establecer novas vías de colaboración e cooperación para no futuro quizais abranguer xuntos retos meirandes ”, destacou Diego González, coordinador do seminario.

Enrique Lomba, director do Instituto de Química Física Rocasolano, foi o encargado de inaugurar as sesións de traballo cunha intervención centrada nas nanocaixas de carbón. “Os nosos estudos céntranse na estabilidade destes elementos, en analizar se as moléculas absorvidas, as moléculas que son transportadas dentro das nanocaixas, teñen un comportamento estable cando entran en contacto con outros elementos ou se son sintetizadas”, explicou o investigador. Enrique Lomba destacou a importancia que poden ter no futuro estas “caixas” de escala nano por exemplo en medicina, pois poderían ser elementos transportadores de sustancias químicas no corpo humano.

Trala súa intervención, as xornadas continuaron coa participación doutros investigadores do mesmo centro, concretamente Eva González, Noé García e Vicente Sánchez, que expuxeron exemplos e modelos de simulacións en diferentes eidos, como as partículas coloidales. Entre conferencia e conferencia, os participantes tiveron ocasión de intercambiar impresións sobre a súa área de traballo pero tamén sobre a nova do descubrimento do bosón de Higgs realizado polo CERN, nova que supón na súa opinión un gran avance para a Física e para a ciencia en xeral e que polo tanto reciben con satisfacción, á espera de coñecer máis detalles do acontecemento científico.