DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na reunión de lanzamento do 7º Programa Marco, MYFISH

Investigadores europeos debaten no campus a mellor maneira de explotar os recursos pesqueiros

Universidade de Vigo e IEO son socios dun proxecto dotado cun orzamento de 6,5 millóns de euros

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 23/04/2012
Arredor de 100 investigadores chegados de diferentes universidades e centros de investigación europeos buscan esta semana no campus a mellor maneira posible de explotar os recursos pesqueiros. Trátase da reunión de lanzamento do proxecto europeo MYFISH no que participan un total de 31 institucións, entre elas a Universidade de Vigo e o Instituto Español de Oceanografía, e no que se tratará de estudar en detalle a xestión das pesqueiras de modo sostible e a implicación de todos os actores que participan.

Cun orzamento total de 6,5 millóns de euros, dos que a propia Unión Europea achega cinco, o proxecto forma parte do 7º Programa Marco de Investigación. “Trátase de sacarlle o máximo rendemento a un recurso tan importante como é o noso peixe, pero non de calquera maneira, senón tendo sempre en conta a xestión dos obxectivos e as súas consecuencias”, subliñou a coordinadora xeral do proxecto, Anna Rindorf, investigadora do Instituto Nacional de Investigación Acuática de Dinamarca, durante a inauguración do encontro, na que estivo acompañada polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e o director do Instituto Oceanográfico de Vigo, Valentín Trujillo.

Na busca da fórmula que proporcione o máximo rendemento sostible

Con sesións comúns no Edificio Miralles e grupos de traballo en diferentes salas da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, onde contan coa colaboración dos diferentes membros do grupo de investigación RGEA, Research Group in Economic Analysis, as sesións estenderanse ata o próximo venres, data na que visitarán as instalacións do IEO en Vigo. Ata entón os participantes tentarán buscar a mellor fórmula para acadar o que denominan RMS, siglas en inglés de Máximo Rendemento Sostible, algo que, a xuízo dos organizadores, “é unha meta complicada” debido á falla de consenso sobre a interpretación de ‘sostibilidade’ e ‘rendemento’ e os efectos que pode chegar a ter sobre outras accións, incluíndo non só as cuestións relativas ao ecosistema, senón tamén os aspectos económicos e sociais.

Chegados desde diferentes países da Unión Europea, “cada participante transmitirá a súa opinión sobre que é o máis importante a maximizar, pero sempre de xeito sostible”, explicou Rindorf, que fixo fincapé na necesidade de ter en conta as características particulares de cada unha das rexións. “Primeiro hai que saber que é o que queren maximizar e de que maneira e, segundo, determinar que é o máis adaptable para cada rexión”, engadiu. Desde o seu punto de vista, dependendo do que hai no mar de cada rexión a situación cambia, “e dependendo disto hai cousas que poden ser prescindibles ou non, adaptables ou non...”, continuou.

Conexión directa co Campus do Mar

Á pregunta de por qué se celebra en Vigo esta primeira reunión do proxecto, Anna Rindorf subliña que “porque nos encanta esta cidade”, ao que engade que “a Universidade de Vigo é un dos socios do proxecto e desde aquí ofrecéronsenos todo tipo de facilidades”, engadiu, ao tempo que subliñou o interesante dun proxecto “liderado por esta Universidade e que se chama Campus do Mar”. Precisamente, en representación do Campus do Mar achegouse tamén ata o Edificio Miralles Alberto González Garcés, membro do equipo de goberno do Campus do Mar e director da área de Internacionalización, quen destacou que a temática desta reunión conecta directamente coas actividades do Clúster 2 do Campus do Mar: uso sostible dos recursos mariños.