DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través do equipo G4plus dirixido polo profesor Pedro Figueroa Dorrego e Miguel González Loureiro

Investigadores da Universidade impulsan o Clúster de Loxística e Transporte de Galicia

Ten como obxectivo desenvolver proxectos cooperativos con maiores recursos e capacidades

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 09/06/2011

O grupo de investigación G4 plus da Universidade, dirixido e coordinado respectivamente polos profesores Pedro Figueroa Dorrego e Miguel González Loureiro, está a participar activamente no proceso de constitución do Clúster de Loxística e Transporte de Galicia, asumindo as tarefas de asesoría técnica en materia de planificación estratéxica e de desenvolvemento da cooperación do clúster. Cos primeiros trámites xa iniciados, trátase do primeiro clúster horizontal que se crea en Galicia no que 76 organizacións relacionadas coa loxística e o transporte de mercancías xa están adheridas, contando ademais co apoio da administración e das tres universidades galegas.

Ao equipo G4plus “encargóusenos a responsabilidade de elaborar e presentar a memoria para a solicitude de axudas para a constitución de clúster que dependen da Consellería de Economía e Industria”, comenta Miguel González Loureiro. Este equipo conta cunha ampla experiencia neste eido, pois nos últimos catorce anos foi quen de apoiar o proceso de constitución de varios clúster e plataformas tecnolóxicas, como o Clúster da Madeira de Galicia, a Plataforma Tecnolóxica Galega de Loxística e, máis recentemente, o Clúster do Turismo Termal de Galicia.

O obxectivo, comenta Loureiro, “é crear unha estratexia de traballo en rede de todas as empresas que conforman a cadea, coa capacidade de desenvolver proxectos cooperativos con maiores recursos e capacidades”. A constitución do clúster dotará ás empresas integrantes dunha maior visualización ademais de “actuar como interlocutor para a coordinación e articulación de políticas públicas de apoio”. Segundo o profesor, este sector en Galicia emprega arredor de 20.000 persoas e tradúcese nun 4,87% do Valor Engadido Bruto da comunidade e “espérase que estas cifras aumenten dado que existen evidencias en Europa de que as empresas asociadas a un clúster medran por enriba da media de empresas do seu sector”, aclara.

Membros e apoios

O clúster de Loxística e Transporte de Galicia abarcaría a “todo o conxunto de empresas e organizacións interrelacionadas que desenvolven as súas actividades, con carácter principal ou complementario, no eido da loxística e do transporte”, explica Loureiro. Deste xeito xa están adheridas “operadores e organizadores loxísticos, transportistas e organizacións das actividades laterais e de apoio á cadea empresarial como universidades, xestores de infraestruturas, enxeñarías...”, ademais de contar co apoio da administración e “coa experiencia doutros clúster galegos xa consolidados nos que a loxística é un factor clave de competitividade”.

Últimos pasos

Ata hoxe foron desenvolvéndose xa unha serie de actuacións para o impulso deste proceso de constitución. Así a finais do ano pasado celebrouse unha xornada sobre Os Clúster de Loxística e Transporte como ferramentas de competitividade e máis recentemente constituíuse o Comité Coordinador do proceso, integrado polas empresas e asociacións máis representativas do sector da loxística e o transporte de mercancías de Galicia.