DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Participan socios de cinco países e a reunión de lanzamento acaba de ter lugar en Polonia

Investigadores da UVigo coordinan un proxecto europeo financiado con 4,5 millóns de euros dirixido a identificar novas fontes de proteínas

O obxectivo é empregar descartes de alimentos mariños para obter novos alimentos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • HRS4R
  • Investigación
D. Besadío DUVI 18/09/2023

Desenvolver novas fontes de proteínas a partir de diferentes descartes de alimentos mariños, contribuíndo así de maneira clara a aumentar a dispoñibilidade de proteínas na Unión Europea e reducindo a dependencia real das importacións, cifradas na actualidade en arredor de 21.000 millóns de euros exclusivamente en peixe . Este é o grande obxectivo co que acaba de pórse en marcha PROMISEANG, un proxecto de investigación financiado pola UE con 4,5 millóns de euros, liderado desde a Universidade de Vigo polo catedrático Jesús Simal e no que, ademais, participan socios de Portugal, Alemaña, Polonia e Hungría. A reunión de lanzamento tivo lugar esta fin de semana en Polonia e nela puxéronse os alicerces para 48 meses de traballo nos que se tratará de buscar proteínas alternativas procedentes da fermentación microbiana de fontes mariñas non convencionais de cara a buscar a próxima xeración de alimentos, pensos e outras aplicacións de base tecnolóxica non alimentaria, incluíndo biomedicina, farmacia e cosmética.

Trátase de desenvolver novas proteínas alternativas a partir de fontes mariñas infraexplotadas  -descartes de invertebrados mariños, macroalgas e biorresiduos industriais- a través da fermentación da biomasa, xerando así unha nova biomasa microbiana enriquecida con proteínas, cumprindo os requisitos do mercado para aplicacións de base biolóxica en alimentos, pensos e aplicacións non alimentarias, como as cosméticas.

Demostrarase a viabilidade dunha biorrefinería de produción de proteínas

Durante o proxecto demostrarase, segundo explican os seus responsables, a viabilidade, “tanto técnica como económica”, dunha biorrefinería para a produción de proteínas a base de microbios, o que permite un maior rendemento de produción, períodos de produción reducidos, impactos ambientais minimizados, diminución das importacións e menores custos de produción. “Estímase que as biorrefinerías reducen os custos das proteínas a unha quinta ou, incluso, unha décima parte”, explican os investigadores.

Seguindo un enfoque de cero residuos, esta biorefinería tamén recuperará biocompostos e moléculas interesantes non proteicos (“é dicir, compostos fenólicos antioxidantes, extractos enzimáticos, polisacáridos versátiles, lípidos multiusos, etc.”) para o seu posterior uso nestes novos alimentos e pensos. 

Implicados tres grupos de investigación da UVigo, CSIC e varias empresas españolas

Desde a Universidade de Vigo participan no proxecto tres grupos de investigación, “tres equipos que contamos con moitas sinerxías e que aplicamos de cheo o enfoque interdisciplinario requirido para os retos a abordar”, explican os investigadores da UVigo. Por unha banda, participa o grupo de Investigación Agrarias e Alimentarias, AA1, dirixido polo profesor Simal, que se centrarán nos temas relacionados con nutrición, funcionalidade e seguridade; pola outra, BiotecnIA, Biotecnoloxía Industrial e Enxeñería Ambiental, coordinado polo profesor José Manuel Domínguez, cuxo traballo se focalizará nas cuestións relacionadas con fermentación en estado sólido e a biorrefinería; e, por último, o grupo de Organización do Coñecemento, OE7, dirixido polo profesor Pablo Cabanelas, que será o encargado de realizar os estudos de mercado e a análise de novos modelos de negocio.

A maiores a participación española no proxecto inclúe o CSIC e as empresas MOA BIOTECH SL, CONTACTICA SL e a corporación JEALSA. O proxecto foi promovido dende a Universidade de Vigo pola emerxencia que supón para a sociedade un dos retos mundiais actuais referido, sobre todo, á dicotomía que supón o desenvolvemento económico e tecnolóxico das sociedades sen comprometer os recursos naturais. “Organizamos un grupo con capacidades e unha visión poliédrica que puidera afrontar o problema dende múltiples perspectivas”, explican os responsables do proxecto. En paralelo, algún dos grupos implicados contaba xa cunha estreita colaboración previa coa corporación Jealsa, a través do paraugas de especialización que lidera a Universidade de Vigo sobre o Mar no seu conxunto. “En canto se identificou o espazo de oportunidade e unha convocatoria que puidera encaixar no seu desenvolvemento, comezamos a completar o quebracabezas que conforma este proxecto, onde existen moitas organizacións que teñen un alto grado de simbiose e complementariedade para dar solución e identificar novas frontes de proteínas”, recalcan.

“Agardamos acadar resultados que sexan prometedores”

A concesión do proxecto supón un empurrón para facer actividades con impacto real no tecido produtivo, ademais de ter unha derivada importante en termos sociais e dos retos que ten a sociedade para o futuro. “O consorcio é sólido, as tarefas están moi definidas, e agardamos acadar resultados que sexan prometedores, ben para a súa potencial explotación, como para abrir novos camiños de desenvolvemento futuro”, explican os impulsores do proxecto.

O reto mundial que supón a harmonización do desenvolvemento económico coa protección dos recursos naturais vese agravado, tal e como recalcan os investigadores implicados neste proxecto, polo crecemento estremo da poboación, que se estima que chegará a máis de 9.000 millóns de persoas en 2050, o que requirirá un “incremento igualmente grave e insostible da produción de alimentos de aproximadamente o 70%, a non ser que se apliquen as medidas e as políticas axeitadas”. Ademais, nas tendencias actuais do mercado da UE destacan unha demanda crecente de proteínas saudables (dietas nutritivas e ben equilibradas), sostibles (desde as perspectivas ambiental, económica e social) e producidas eticamente. “Polo tanto, son moi necesarios cambios profundos e unha gran transformación das fontes de proteínas e o desenvolvemento de proteínas alternativas cun mínimo impacto ambiental é a solución máis plausible”, conclúen desde PROMISEANG.