DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo de Biomarcadores Moleculares leva anos traballando na prevención desta patoloxía

Investigadores vigueses participan nun proxecto de prevención do cancro colorrectal dotado con 1.200.000 euros

É un dos dous proxectos seleccionados pola Aecc para investigar o cancro en España

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 27/06/2013

En enfermidades como o cancro colorrectal, que xa é a segunda causa de morte por cancro, un diagnóstico precoz mellora moito a esperanza de vida dos pacientes. Por isto, é imprescindible mellorar as ferramentas para detectar a patoloxía tan axiña como sexa posible. Conscientes desta necesidade a Asociación Española Contra o Cancro, Aecc, ven de conceder unha axuda de 1.200.000 euros e cinco anos de duración a un proxecto de Grupos Coordinados Estables para investigar a prevención do cancro de colon, un traballo liderado desde o Hospital Clínic de Barcelona e no que participan a Universidade de Vigo e os hospitais universitarios de Canarias e Alacante.

O catedrático Javier Rodríguez Berrocal, investigador principal do Grupo de Biomarcadores Moleculares, grupo de Excelencia e Consolidado pola Xunta de Galicia, dirixe o equipo de investigadores que participarán desde Galicia no proxecto, cinco investigadores deste grupo aos que hai que sumar os expertos que colaboran desde o Hospital do Meixoeiro, dirixidos polo investigador Vicent Hernández, e no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, coordinados por Joaquín Cubiella.

O proxecto ten como principal obxectivo a identificación de novos biomarcadores para a prevención deste tipo de cancro, o que podería ter un impacto moi significativo na mellora do prognóstico asociado a esta enfermidade. Os biomarcadores son moléculas ou substancias presentes na mucosa do colon ou no sangue, saliva ou outros fluídos biolóxicos das persoas que presentan un cancro ou unha posible lesión previa do mesmo, “e si somos capaces de detectalos de xeito doado permitiranos establecer o diagnóstico e o tratamento de forma moito máis eficaz”, subliña o profesor Rodríguez Berrocal, que incide tamén en que este tipo de cancro é un dos tumores que máis se pode beneficiar de estratexias preventivas, xa que na maioría dos casos ven precedido polo desenvolvemento de lesións benignas –os pólipos ou adenomas- que poden ser detectados e extirpados, evitando a potencial progresión cara o cancro.

“De detectarse de xeito precoz este cancro curaríase no 90% dos casos”

“De detectarse de xeito precoz este cancro curaríase no 90% dos casos”, recalca o responsable do grupo de Biomarcadores Moleculares, un equipo de máis de 20 investigadores que levan anos traballando neste eido.

A consecución desta axuda trae folgos renovados a un equipo que xa patentou este método no ano 2001 e que agora, grazas a chegada deste novo financiamento, poderán probalo nun estudo moito máis grande, en máis hospitais e cun maior número de pacientes. “Xa probamos o método en fase experimental con bos resultados e esta axuda permitiranos facer un estudo con máis de 2000 pacientes de diferentes centros”, subliña o investigador, ao tempo que fai fincapé en que “cun pouco de sorte será a valoración final coa que demostrar que esta proba merece a pena e oxalá que dentro de 20 anos sexa unha análise rutineira como a do colesterol ou da glicosa”.

Consorcio estable con proxección internacional

A colaboración entre os catro organismos beneficiarios da axuda ven xa de lonxe. No ano 2000 constituíron o consorcio Epicolon, conformado por máis de 25 centros españois co obxectivo común de caracterizar as formas hereditarias e familiares do cancro de colon en España e, xa no 2006, os catro grupos solicitantes puxeron en marcha o proxecto cooperativo ColonPrev, un proxecto que vai dirixido a avaliar estratexias para o cribado da enfermidade e que foi merecedor xa no ano 2007 dunha axuda da Fundación Científica da Asociación Española Contra o Cancro. “Foi unha maneira de completar unha estrutura cooperativa estable capaz de levar a cabo un programa de investigación traslacional nos ámbitos básico, clínico, epidemiolóxico e de servizos de saúde moi competitivo e cunha gran proxección internacional”, recalcou o responsable en Vigo do proxecto.

En total participarán no traballo 48 investigadores: 24 do Hospital Clínic de Barcelona, 12 da Universidade de Vigo, 9 do Hospital General y Universitario de Alicante e 3 do Hospital Universitario de Canarias.

A proba de cribado debe ser non invasiva, económica e moi sensible

A detección precoz da enfermidade a través do estudo dos biomarcadores representa o enfoque máis práctico e razoable de cara a prevención desta doenza. A colonoscopia, se ben é unha ferramenta eficaz, é invasiva e cara, o que conleva unha baixa adherencia e limitacións na súa aplicación xeneralizada e, por outra parte, os métodos non invasivos baseados na detección da sangue oculta en feces dispoñibles na actualidade só lograron unha modesta diminución da mortalidade.

“Unha proba de cribado ideal debe ser non invasiva, económica, reproducible e capaz de detectar lesións premalignas con alta sensibilidade e especificidade”, subliña Rodríguez Berrocal, que incide así na importancia do desenvolvemento destes biomarcadores.