DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade celebra o Día da Propiedade Industrial cunha xornada divulgativa

Isto no que traballo é patentable? Ten sentido facelo?

Organizada pola OTRI, en colaboración coa Oficina Europea de Patentes e a Oficina Española de Patent

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 17/04/2012
A Universidade celebrou este martes o Día da Propiedade Industrial cunha xornada de información, reflexión e debate, pero, sobre todo, “concienciación” da importancia de protexer “o coñecemento, as ideas, os produtos e as solucións que xorden da investigación e o desenvolvemento”, subliñou na inauguración o reitor vigués Salustiano Mato, que aproveitou a súa participación no encontro para concienciar aos asistentes sobre a importancia de protexer o coñecemento para poñelo en valor.

Isto no que traballo é patentable? Ten sentido facelo? De que maneira me vai repercutir si o fago? Como podo facelo? Son, a xuízo do reitor, “preguntas claves” ás que se tentou responder durante unha xornada na que se deron a coñecer diversos aspectos da propiedade industrial como paso previo para a súa posta en valor. Organizada pola Oficina de Transferencia de Resultados da Investigación, OTRI, en colaboración coa Oficina Europea de Patentes, EPO, e a Oficina Española de Patentes e Marcas, OEPM, a xornada tentou transmitir aos asistentes as principais claves da transferencia dos resultados da investigación “de xeito moi básico e divulgativo”, puntualizou a directora da OTRI, Ángeles López, que explicou que entre os 68 asistentes “hai investigadores, alumnado, emprendedores e persoas interesadas en xeral”.

A crise diminúe a solicitude de patentes

Un indicador do grado de innovación dunha economía son as súas patentes e, segundo as cifras que expuxo na xornada Pablo López, da Oficina Española de Patentes e Marcas, a crise económica provoca que España, ao igual ca outros países da súa contorna, non só non gañe terreo neste ámbito, senón que o perda. O ano pasado o número de peticións deste tipo de licencias de explotación exclusiva de innovacións e invencións caeu máis dun 3% (3527), despois doutros dous exercicios (2009 e 2010) de retrocesos , segundo se reflicte nas estatísticas da OEPM. Aínda que en menor medida, tamén en materia de modelos de utilidade (un grao inferior á patente) se rexistrou un descenso, cun total de 2.600 peticións, arredor do 1% menos e tras experimentar un alza no 2010.

Na súa intervención López insistiu na necesidade de “protexer o noso produto, proceso, servizo... para evitar o seu roubo ou uso indebido por parte de terceiras persoas”. Nesta liña subliñou que España ocupa o 8º posto da Unión Europea en solicitudes de patentes europeas e o décimo quinto en solicitude internacional de patentes.

A visión europea achegouna Rafael Baltanás, da Oficina Europea de Patentes, EPO, que afondou no papel que xoga esta institución na internacionalización de patentes, e, dende o mundo da empresa privada contouse coa participación de Ramón Mª Lois, responsable de propiedade industrial de Televés, unha firma galega que conta no seu haber con máis de 200 rexistros da propiedade industrial, dos cales máis do 50% son patentes (20 delas europeas), modelos de utilidade e deseños industriais.

En 2011 a Universidade rexistrou 15 solicitudes de propiedade intelectual

Se nos centramos na Universidade de Vigo, en 2011 foron 15 as solicitudes de propiedade intelectual rexistradas, 13 nacionais e dúas internacionais. Unha cifra que confirma o ritmo constante que no último lustro acadou a institución, cunha media de entre 15 e 20 solicitudes ao ano e que se agarda continúe medrando en virtude á nova Lei de Ciencia aprobada a mediados do ano pasado e que contempla instrumentos que permitirían acadar este fin.

Un sistema de refrixeración para barcos, un biorreactor de residuos orgánicos procedentes de estacións depuradoras de augas residuais, un dispositovo de despregue de antenas para satélites artificiais ou un acumulador de enerxía mediante discos magnéticos supercondutores son algúns exemplos de patentes e modelos de utillidade que xa foron acadados.