DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preto dun millar de persoas presenciou o concerto

Iván Ferreiro enche o seu picnic no Vidal Bolaño

O cantante vigués da o pistoletazo de saída á programación cultural do segundo cuadrimestre no campu

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Noemí Rey DUVI 02/03/2011
Non chegou o mantel para acoller a todos os asistentes a un picnic tan especial. O músico vigués Iván Ferreiro volveu a subirse ao escenario do Teatro Vidal Bolaño cinco anos despois con novos rexistros e texturas musicais na boa compaña do seu irmán Amaro Ferreiro e de Pablo Novoa. Un retorno ás aulas no que, despois dunha ducia de anos liderando Los Piratas e un lustro en solitario, Ferreiro presentou o seu cuarto traballo, Picnic Extraterrestre, e deu o pistoletazo de saída á programación cultural do segundo cuadrimestre na Universidade de Vigo. Diversión e moita acción para que fans de todos os planetas gozaran da mellor música en directo. “Espero que trouxerades o iogur e a merenda. É un pracer estar de novo convosco, quero que gocedes do concerto igual que se fora de noite”, díxolle ao público antes de facer soar os primeiros acordes de La Jetée.

Preto dun millar de persoas puido presenciar unha actuación que levantou moita expectación entre o público, que xa unha hora antes de comezar o concerto facía cola ás portas do teatro para poder ver ao artista dende a primeira fila. Dentro, últimos ensaios de Iván Ferreiro antes de saír diante dun público entregado que non deixou de corear cada unha das letras dun novo disco moi esperado polos seus seguidores.

A un ritmo marcado por el mesmo e moi lonxe dos tempos frenéticos das discográfica, o vigués vén de dar a luz unha obra penetrante, dominada pola intensidade emocional na que investigación e innovación mestúranse para colgarlle a Ferreiro unha nova etiqueta, a de 'crooner': un artista equiparable aos vellos trobadores que canta baladas con voz grave e acompañado normalmente por unha orquestra. Iso si, Picnic Extraterrestre’está pensado para públicos xenerosos e pacientes aos que non lles importe escoitar unha e outra vez as novas cancións, centradas en temas da vida cotiá: madurar, as frustracións ás que nos enfrontamos, a hipocrisía da sociedade ou os amores tormentosos.

A hipocrisía consumista, vindeira parada

A programación cultural continuará tras o Entroido da man da compañía Teatro de Ningures, un referente do panorama teatral galego. O vindiero 16 de marzo (18.30 horas) o escenario do Teatro Vidal Bolaño será un dos primeiros en acoller a obra 0,7% Molotov, unha produción na que se achega á hipocrisía consumista, á política e aos contrastes a través do pensamento dunha neohippy solidaria e dun nihilista solitario.