DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A axenda de actos busca máis ca nunca apoiar as propostas locais

Iván Ferreiro estrea este mércores a nova programación cultural

O proxecto Rosalía 21, o ciclo Sonora 11, Teatro de Ningures e a Miteu, forman parte do programa

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 28/02/2011
Un clásico entre os clásicos. O músico vigués Iván Ferreiro abrirá este mércores a programación cultural do segundo cuadrimestre cun concerto no que achegará á comunidade universitaria o seu último traballo Picnic Extraterrestre. Tras anos ao fronte de Los Piratas e algo máis dun lustro en solitario, Ferreiro volta ao Teatro Vidal Bolaño, onde xa en outubro de 2005 acadou un gran éxito de público. Tras esta actuación virán moitas outras que encherán de música, teatro e espectáculos de rúa a axenda cultural universitaria ata o vindeiro mes de maio.

Cunha progamación “máis local ca nunca” como se salientou desde a Vicerreitoría de Extensión Universitaria, a Universidade márcase como obxectivo apoiar a industria cultural máis próxima, afectada polo panorama de crise xeral. Neste contexto estrearase tamén no sur de Galicia o proxecto Rosalía 21, unha revisión da poetisa galega máis universal, asinada polo escritor e profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución, Anxo Angueira e que conta coa presenza de Abe Rábade, máximo representante do jazz galego, e a voz de Guadi Galego. Será o 23 de marzo, ao abeiro das diferentes actividades que se levarán a cabo con motivo da celebración do Día Internacional da Muller Traballadora.

A primavera traerá tamén consigo o Ciclo Sonora 11 o 7 de abril. Os vigueses Colectivo Oruga e a banda de Pamplona El Columbio Asesino, con catro traballos no mercado e moi boas críticas, volverán traer ao campus as músicas máis independentes e menos comerciais.

Teatro De Ningures e cita anual coa Miteu

No que a programación teatral se refire o Vidal Bolaño será un dos primeiros escenarios nos que Teatro de Ningures, referente do teatro galego, poña en escena a súa última montaxe 0,7 % Molotov, unha produción na que se achega a hipocrisía consumista, a política e os contrastes a través do pensamento dunha neohippy solidaria e un nihilista solitario.

Como xa é habitual no segundo cuadrimestre de curso, o Vidal Bolaño acollerá do 12 ao 28 de abril unha nova edición da Miteu, a Mostra Internacional de Teatro Universitario, que achegará ao público o traballo de compañías teatrais universitarias dos cinco continentes. Na primeira semana, esta décimo terceira edición da Miteu acollerá as representacións doutros países para reservar, así, as propostas das aulas de teatro das universidades galegas para a segunda semana de representacións.

Espectáculos de rúa

Música, teatro e, como non, espectáculos de rúa. O galego Dani García será o encargado de achegar os trucos de maxia o 30 de marzo mentres que o Capitán Maravilla co seu Mono A Mono B volverá traer á Cidade Universitaria o humor, as acrobacias e os malabares.
Co apoio de Novacaixagalicia, a programación cultural da Universidade, que se desenvolverá integramente na Cidade Universitaria, estenderase do 2 de marzo, co concerto de Iván Ferreiro ás 18.30 horas, ata o 4 de maio co espectáculo do Capitán Maravilla.