DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun tempo de 00:30:56 e 00:35:06, respectivamente, gañaron a 12ª edición da HappyGoRunning

Iván Roade e Ester Navarrete coróanse no podio máis feliz

Carlos Porto do campus de Vigo e Aida Martínez de Ourense venceron na Carreira Interuniversitaria co

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 23/04/2018

30 minutos e 56 segundos investiu Iván Roade en percorrer os 10 quilómetros da HappyGoRunning-Cidade Universitaria, proclamándose gañador da proba celebrada este domingo e superando en tan só un segundo ao segundo clasificado, Alejandro Rivera (00:30:57), mentres que o corredor do equipo do campus de Vigo Carlos Porto foi terceiro cun tempo de 00:32: 18. Pola súa banda, en categoría feminina Ester Navarrete volvía subir o máis alto do podio cun tempo de 00:35:06, seguida por Alice Finot (00:36:05) e Sandra Mosquera (00:36:25). Un total de 408 corredoras e corredores tomaron a saída ás 11 da mañá na proba raíña da competición organizada pola Universidade de Vigo e que este ano acadou a súa 12 ª edición, na que Navarrete proclamábase vencedora por cuarto ano consecutivo, mentres que Rubén Diz, non puido repetir a vitoria acadada o ano pasado, quedando en quinta posición. A pesares de revalidar o seu título, a corredora viguesa non foi quen de rebaixar o mellor tempo acadado na proba e que ela mesma ostenta desde o ano 2016 con 00:35:03. A mellor marca en categoría masculina segue a ser a que no ano 2012 obtivo Hassan Lekhili con 00:29:59.

Na distancia de 6,6 quilómetros, José Puga (00:27:52), Marco Salvadores (00:28:07) e Víctor Ferreira (00:29:10), foron os primeiros clasificados en categoría masculina, mentres Elena Conde (00:31:20), Rocío Puerta (00:31:45) e Orsolya Andrea Simón (00:32:21), foron as tres primeiras mulleres en cruzar a liña de meta nesta categoría, na que participaron un total de 53 atletas.

Vitorias de corredores de Vigo e Ourense na Carreira Universitaria Galaico-Duriense 

Polo que respecta á Carreira Interuniversitaria contra a Droga ou Carreira Universitaria Galaico-Duriense por campus, unha iniciativa da Fundación Galega contra o Narcotráfico apoiada polas universidades de Galicia e do norte de Portugal, o representante do campus de Vigo e terceiro clasificado na distancia de 10Km da HappyGoRunning-Cidade Universitaria, Carlos Porto, foi o gañador en categoría masculina cun tempo de 00:32:18, seguido por Ayouub El Mahmoudi da Universidade de Porto con 00:36:04 e Alan Bugarín do campus de Ourense cun rexistro de 00:36:30. Precisamente unha representante deste campus foi a primeira clasificada en categoría feminina, Aida Martínez (00:45:02), seguida de Laura Pérez do campus de Pontevedra (00:50:30) e Pamela Araujo tamén do campus de Ourense (00:52:29). No caso desta proba foron 80 as e os estudantes universitarios de Vigo, Porto, Santiago e Coruña que tomaron a saída ás 11.00 horas para cubrir os 10 quilómetros da proba raíña da HappyGoRunning-Cidade Universitaria.

Non todo vai ser correr

Hora e media antes do inicio das carreiras de 10 e 6,6 km tomaban a saída as preto de cen persoas que participaron este ano na andaina de 10 km polos arredores do campus. Organizada en colaboración co Club Peña Trevinca, as e os participantes na marcha e percorreron a contorna do campus dende o parque forestal de Beade ata o Chan da Cruz e de regreso ao campus, gozando de vistas sobre a ría e tamén de restos arqueolóxicos.

618 euros destinados á compra de colmeas para exdrogodependentes

Unha edición máis, a carreira organizada pola Universidade de Vigo, coa colaboración de entidades como o Concello de Vigo, a Fundación Galega Contra o Narcotráfico, o Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia ou Cidade Universitaria e que forma parte do Circuíto Run Run Vigo de Carreiras Populares, mantivo a súa vertente solidaria destinando un euro das 618 inscricións nas diferentes probas (457 na carreira de 10 km, 64 na de 6,6 km e 97 na andaina) á Fundación Galega contra o Narcotráfico. Desta volta os recadados destinaranse á compra de colmeas para a formación en apicultura de exdrogodependentes en proceso de reintegración social. Como cada ano a xornada deportiva celebrada no campus vigués rematou coa entrega de premios no Teatro Vidal Bolaño de Cidade Universitaria.