DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O conxunto de David Monreal logrou un empate ante o CRC Madrid que lle deu o ascenso

O Iveco Universidade acada o soño da División de Honra

Foron recibidos este luns por representantes do Concello e da Universidade

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Anabel Vila DUVI 21/02/2011
E chegou a hora de espertar, e fixeronno, pero cumprindo un sono. O Iveco Universidade de Vigo conseguiu o ascenso á División de Honra despois de empatar 6-6 ante o CRC Madrid na volta da fase de ascenso. Os de David Monreal viaxaron a Pozuelo coa renda do 11-6 do partido disputado no campus, pero parecía unha vantaxe mínima tendo en conta a suposta superioridade do conxunto madrileño. Pero “a historia non é suficiente”, como asegurara Ramón González-Babé, presidente do Iveco, antes do encontro, e os vigueses souberon facerlle fronte ao seu rival nun partido complicado no que, de novo, tiveron que remontar a vantaxe inicial dos madrileños.

Agora o conxunto vigués está a vivir nunha burbulla. A euforia que todos trataron de frear despois do primeiro partido estoupou en Madrid, cando o conxunto vigués fixo historia converténdose “no primeiro equipo galego que logra o ascenso á máxima categoría do rugby nacional”, como recordou Santiago Domínguez, tenente de alcalde de Vigo, durante a recepción que lles ofreceron no Concello. Neste recoñecemento, o vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, deu ás grazas ao equipo "pola xesta realizada", uns agradecementos que lle foron devoltos ao vicerreitor, tanto por parte do Concello como do club, polo apoio prestado dende a Universidade ao Iveco. "Agradecemos á Universidade o ter apoiado a un equipo que nos fai sentir a todos orgullosos", subliñaba Santiago Domínguez.

Nunha tempada na que o obxectivo era a permanencia, xa que “o milagre foi empezar a competir”, como sinalaba Babé, o grupo que dirixe David Monreal soubo aproveitar o coñecemento e a experiencia das súas fichaxes para chegar ao máis alto. “Sabiamos que era difícil, aínda que nos si que críamos nas nosas opcións e iso notouse no partido”, sinala Monreal que xa pensa no seu futuro en Vigo. “Non falamos coa directiva, pero tanto Norm coma eu queremos quedar”, afirma o adestrador, orgulloso do seu equipo e da implicación dos seus xogadores. “Somos un equipo e incluso ‘Bubba’, que ten contrato en Nova Celandia, xa dixo que viría cando o almanaque o permita, que agora que estamos en División de Honra ten que estar con nós”, asegura.

Emoción, sorrisos e cansazo

Na recepción ao equipo no Concello faltaban algúns xogadores, entre eles Carlos Blanco, que xa se incorporou á convocatoria da selección nacional, pero o que non se botaba de menos eran os sorrisos. Todos estaban felices nun acto no que recibiron tamén as felicitacións de Xosé Henrique Costas que recoñecía que dende a Universidade “non sentimos só orgullo, senón fachenda, que é aínda un pouco máis. Agora podemos dicir que somos unha Universidade con poderío”. Tamén houbo tempo para as peticións, e cando o presidente do Iveco reclamou unha cuberta para as gradas, Costas sinalou que “é algo sobre o que estamos a traballar. No último partido na casa vimos que se houbese unhas condicións un pouco mellores habería máis xente animando aos nosos equipos”. Ademais, o vicerreitor recoñeceu ter “unha débeda no que se refire ao terreo de xogo. Temos que traballar en mellorar as condicións dun campo que xa é dun equipo de primeira”.