DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas XIX Xornadas de Banda Deseñada

Jacobo Fernández e Diego Blanco levan ao campus a festa galega do cómic

Coas obras "As aventuras de Cacacuequi" e "Delicatessen"

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
DUVI 04/10/2007
María Boullosa | Ourense

A décimo novena edición das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, que decorrerán ata o 21 de outubro de 2007 en diversos lugares da cidade, acode ao Campus coas exposicións “Delicatessen”, de Diego Blanco, e “As aventuras de Cacauequi”, de Jacobo Fernández.
Patrocinada pola Concellería de Cultura e a Dirección Xeral de Xuventude, a festa galega do cómic segue este ano o mesmo esquema de sempre: boas exposicións, autores consagrados e novas apostas. “Quizais o único que se sae da tónica habitual é a asistencia do septuaxenario José Ruy, un clásico do cómic portugués histórico ao que queremos homenaxear”, afirmou un dos coordinadores, o director da Casa da Xuventude, Benito Losada, que ao carón do Colectivo Phanzynex levan a tutela da organización do evento.
Compartindo espazo co Museo Municipal, o Ateneo e a Casa da Xuventude, o recinto universitario acolle dúas das dez exposicións.
Na primeira planta do Edifico Politécnico, unha escolma de 40 imaxes do álbum de Jacobo Pérez, gañador do Premio Castelao 2007 da Deputación de Coruña, amenizan os paseos dos alumnos de Ciencias.
“Conta a historia de Cacacuequi dende que nace e a súa relación cunha nena un pouco estraña. Ambos viven nun mundo fantástico, que se parece ao noso, pero onde hai animais que falan, bruxas..”, describiu Jacobo.
Segundo el, é unha oportunidade fenomenal, “en cantos máis sitios mellor”, mais cando lle preguntamos pola situación da banda deseñada galega, a súa opinión vese contrariada. “En abstracto está ben valorada, como outra arte de entretemento, pero o problema é a difícil subsistencia dos guionistas e debuxantes pola falla de estabilidade profesional”, sentenciou.

Delicatessen

Ao outro lado do campus, na cafetería da Biblioteca, unha miniexposición de Diego Blanco, recibe o nome de “Delicatessen”. O autor, premiado en numerosos certames e membro do colectivo Polaqia, levou a este espazo dez pranchas en marcos autoiluminados, de maneira que, mentres un degusta un café pode contemplar ao mesmo tempo carteis representativos da obra de Blanco.
Por outra banda, catro mostras monográficas complementan as xornadas de banda deseñada en Ourense. No Museo Municipal, é o caso das exposicións de Lola Lorente, unha das máis activas colaboradoras do desaparecido Fanzine Enfermo; Carlos Vermut, ilustrador de xornais e revistas como El Mundo ou Man; e Pepo Pérez, crítico e teórico de cómics en publicacións como 9º Arte ou El Periódico de Catalunya.
A cuarta, dedicada ao artista luso, José Ruy, estará exposta na Casa da Xuventude.
A estas mostras de autor súmanse diversas recompilatorias. Os gañadores do certame Injuve de Cómic e Ilustración 2006, os seleccionados no Certame Galego de Creadores Novos 2007, e unha escolma dos principais autores galegos dos últimos dez anos, conforman exemplos desta modalidade.
Por último, encontros cos autores, actividades colectivas do Laboratorio Galego de BD experimental, presentacións de publicacións, e a entrega dos Premios “GZcrea2007” e “Ourense de BD” o 19 de outubro, comporán o resto do programa.