DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A 8ª edición das xornadas de automatización industrial celebrarase do 14 ao 18 de novembro

As JAI retornan neste 2022 á presencialidade nunha edición récord en número de firmas participantes e conferencias 

Mesas redondas e unha grande exposición robótica serán as principais novidades 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 15/02/2022

As Jornadas sobre Tecnologías y Soluciones para la Automatización Industrial recuperarán na súa 8ª edición o formato presencial, logo da súa celebración en modo virtual no ano 2020. Aínda que as JAI manterán entre o 14 e o 18 de novembro a oferta de postos virtuais, que xa se empregaron nas Digital JAI 2020, “o certo é que o programa presencial de relatorios é a verdadeira alma do evento. Trátase de que profesionais e estudantes interactúen dun modo que non ten nada que ver co que se pode conseguir nun evento dixital”, destaca José Ignacio Armesto, docente e investigador da UVigo e coordinador das JAI, que retornarán á Escola de Enxeñería Industrial.

Pero a 8ª edición das JAI, que xa colgou o cartel de “cheo” a 10 meses da celebración do evento, ademais de pola volta á presencialidade, estará marcada pola consecución de novos récords, en canto ao número de firmas participantes e conferencias, así como pola incorporación de novidades no seu programa, ao que se suman a celebración de mesas redondas e unha gran exposición robótica. “As cifras son as mellores acadadas ata hoxe nunha edición presencial. E é que falamos dun programa con máis de 40 conferencias, catro mesas redondas e máis de 30 firmas ‘partner’ participando , todas elas multinacionais de recoñecido prestixio no sector. Sen esquecer o acto de apertura, que contará cun programa adicional de catro relatorios plenarias de auténtico luxo”, detalla Armesto.

Mesas redondas, exposición robótica e postos físicos e virtuais

Entre as novidades que as JAI’2022 incorporan ao seu programa destacan unha serie de mesas redondas, xurdidas a raíz de varios eventos virtuais e presenciais organizados nos últimos anos, moitos deles en colaboración con ISA España e AER Automation e que contaron cunha destacada asistencia de profesionais. Nas catro mesas redondas que se celebrarán en sesión de tarde de luns a xoves, participarán un máximo de seis persoas: dous representantes de firmas, outros tantos de usuarios finais que utilizan con éxito nas súas empresas solucións relacionadas coa temática tratada e unha persoa moderadora. “En canto ás temáticas, pode ser calquera relacionada coa Industria 4.0, como por exemplo: ciberseguridade, dixitalización, edge/cloud computing, robótica colaborativa o condition monitoring”, enumera o coordinador das JAI.

Por outra banda, a 8ª edición das JAI acollerá “a gran exposición robótica que non puidemos facer no acto oficial de apertura das edición dixital, pero vitaminada”, avanza Armesto. Polo que respecta ao Showroom Industrial 4.0, a situación actual non permite organizar este ano un similar ao de 2018 con máis de 30 expositores simultáneos durante toda a semana, “pero si intentaremos ofrecer unha versión reducida con sete ou oito postos nos que as firmas que participan en cada sesión terán a oportunidade de presentar o seus produtos”. Así mesmo, manterase a oferta de postos virtuais, que xa se utilizaron no portal das Digital JAI’2020.

O maior reto

Logo de sete edicións presenciais e unha virtual, o maior reto que enfrontan as JAI é, segundo o seu coordinador, “que haxa audiencia no salón de actos da Escola de Enxeñería Industrial. Un programa tan denso e extenso de relatorio ao longo de toda a semana é algo complexo de manexar e entendo que tanto, para o alumnado, como para os docentes e profesionais das empresas, é difícil de atender”. Armesto destaca o esforzo que están a realizar as firmas participantes, que se desprazan desde diversos puntos do país e mesmo desde Europa e cita a modo de anécdota, “que creo que pode axudar a facerse unha ideada súa relevancia, é que unha das máis recoñecidas feiras do sector, a SPS de Nüremberg, fixouse no que facemos e posiblemente este ano veñan a visitarnos. A min paréceme algo do que estar máis que orgulloso”, afirma o coordinador das xornadas.