DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co obxectivo de mellorar a investigación

Jesús Hernández formará parte dunha comisión que valorará a situación das carreiras artísticas

O anunciou na presentación das xornadas “A Carreira Investigadora en Belas Artes”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
DUVI 07/11/2007
Ana Terceiro | Pontevedra
O ámbito das Belas Artes todavía ten moito que percorrer ata acadar proxectos de investigación como as carreiras de ciencias e tecnoloxías. Pero hoxe xa se avanzou un paso máis coa creación dunha comisión nacional para estudar a investigación no eido desta disciplina. O obxectivo desta comisión é coñecer e valorar a situación das carreiras artísticas para, posteriormente, poder actuar ó repecto e mellorar as condicións nas que agora se atopan. O vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández, participará activamente nesta comisión nacional que terá a súa primeira reunión en Valencia a finais do mes de novembro. Así o confirmou no acto de presentación das xornadas “A Carreira Investigadora en Belas Artes”.“Estamos aquí para dilucidar cal é a traxectoria que ten que seguir unha persoa dentro do mundo da arte para poder desenrolar unha carreira investigadora de proxección dentro da propia estructura universitaria e todo o que elo conleva” comentou Hernández. “As disciplinas artísticas teñen que estar á altura e no mesmo nivel dos ámbitos científicos e tecnolóxicos. Ese é o noso reto” engadiu o vicerreitor do campus de Pontevedra.

A carreira investigadora

O obxectivo destas xornadas é dar forma e contido á carreira investigadora no ámbito específico de Belas Artes. Aínda que esta profesión xa está definida en tres etapas (formación, incorporación e consolidación), con estas sesións preténdese facilitar aos estudantes a súa inserción ao mercado laboral, sobre todo no campo da investigación. As sesións, que terán lugar ata o 9 de novembro na Casa das Campás, inauguraronse coa conferencia do director xeral de I+D+i da Consellería de Innovación e Industria da Xunta, Salustiano Mato, quen falou sobre os programas de financiación autonómicos a través do IN.CI.TE.
Na presentación estiveron presentes, ademais do vicerreitor, o decano da facultade de Belas Artes, Ignacio Barcia; o catedrático de escultura da universidade de Vigo, Juan Fernando de la Iglesia e o investigador predoutoral da universidade de Vigo, Martín Caeiro.