DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor mantivo unha xuntanza de traballo co candidato do PP á alcaldía de Ourense

Jesús Vázquez aposta polo Campus da Auga para captar investimentos para cidade e Universidade

Trasladoulle a Mato a importancia de abrir a residencia universitaria como instrumento para atraer a

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 16/03/2015
Campus da Auga, residencia universitaria e oferta cultural e deportiva centraron a reunión informativa mantida este martes entre o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e o candidato do PP á alcaldía de Ourense, Jesús Vázquez, que recordou a súa vinculación persoal e profesional ao campus e amosou a súa intención de “atopar puntos en común nos que Universidade e administración local podamos colaborar”. Tratouse dun encontro mantido nas dependencias da Vicerreitoría no que Mato trasladoulle ao popular “as problemáticas ás que se enfronta o campus ourensás e os plans de futuro” e no que abordaron “de que xeito dende o Concello pode desenvolverse un traballo conxunto”.

O candidato popular propuxo ao reitor artellar un proxecto conxunto de futuro co Campus da Auga como eixo central, para acadar non só “a visibilización da Universidade de Vigo senón tamén de Ourense como cidade internacional”. Para Vázquez centrarse neste proxecto de investigación, desenvolvemento e innovación destinado á transferencia de tecnoloxía a partir dun recurso tan específico como a auga é unha oportunidade única para “a posible captación de talento e de investimentos” para ambas institucións e valorou o encontro como “moi positivo de cara a unha maior cooperación que procure beneficios para o campus de Ourense ademais de para a cidade”.

Atraer alumnado

Para Jesús Vázquez a importancia da implicación da Universidade de Vigo dentro da cidade vai máis aló de cuestións relativas a formación e investigación, xa que dende o campus estase a desenvolver “un labor moi importante a nivel deportivo e cultural”. “Unha maior coordinación permitiríanos artellar estes aspectos de maneira conxunta para poder ofrecer unha oferta máis atractiva que capte non só participantes, senón tamén alumnos de máis aló do que é a nosa propia provincia ou a nosa propia comunidade”, salientou o ex conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Nese plan de captación de estudantes tamén estaría incluído á Residencia Universitaria de As Burgas, clausurada de xeito temporal dende 2014 tras conceder o Concello a licenza de forma irregular e non ter permiso de ocupación. Algo máis de 200 prazas que Vázquez pretende recuperar dando “pasos decididos cara á súa apertura”, xa que “é un ben necesario para atraer a un maior número de alumnos e alumnas de fóra da cidade”.