DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Joan Puigcercós defendeu o catalán como lingua común e elemento de cohesión social

Nunha sociedade de acollida como a catalá na que se falan arredor de 200 idiomas

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 04/05/2010
O novo contexto global con sociedades multiculturais, países de acollida de emigrantes e situacións como a de Catalunya, na que xa se falan arredor de 200 linguas, fai imprescindible a existencia dun elemento de cohesión: unha lingua pública común, o catalán. Esta foi a tese defendida este martes na Facultade de Filoloxía e Tradución por Joan Puigcercós, presidente de Esquerra Republicana de Catalunya. Nun relatorio sobre a lingua propia nas sociedades multiculturais, Puigcercós explicou o cambio de paradigma que se deu nos últimos anos no tocante ás políticas lingüísticas, apostando polo plurilingüismo, pola inmersión que asegure a todos os cataláns, incluídos os inmigrantes, o coñecemento do idioma e a igualdade de oportunidades. “Agora o contexto é novo, somos terra de acollida, multicultural e plurilingüe”, diferentes razas, diferentes procedencias, diferentes relixións, pero a lingua debe ser o nexo común, que asegure a cohesión, “porque sen esa cohesión corremos un grave risco de conflito”. Fronte a todas estas diferenzas, explicou o presidente de ERC, o idioma é o único que non é excluinte, senón integrador, “non se poden profesar dúas relixións á vez, pero si falar varios idiomas, aprender unha lingua non é renunciar a outra”.
Neste sentido, desbotou o concepto de lingua materna, xa que en Catalunya nunha aula pode haber vinte linguas maternas, “debemos poñer o acento na lingua pública común”, a que une a todos os cidadáns de Catalunya, sexan da orixe que sexan. Esta necesidade foi defendida por unha contundente cifra: sen os inmigrante chegados nas diferentes etapas, a poboación actual de 7,5 millóns de cataláns sería de 2,5 millóns, “o que nos sitúa á altura de Alemaña na recepción de inmigrantes” e ofrece unha visión da diversidade de idiomas que agora se falan no país.

Lonxe do nacionalismo excluínte e das sociedades monolingües

Esta cambio social fai preciso tamén un cambio nas políticas lingüísticas, non se trata de “buscar unha sociedade monolingüe” senón de traballar cara a unha lingua común en diferentes áreas como “o reforzo do sistema de inmersión para os recén chegados, o reforzo do catalán como lingua vehicular na educación ou a construción dun espazo comunicacional, con medios de comunicación propios”. Para Puigcercós este é un traballo titánico que queda por diante, pero non é excluínte, “como algúns se empeñan en denunciar”, senón de inclusión, de axudar aos que chegan a coñecer a lingua e o país, para que se sintan parte dunha “Catalunya integradora”.
O dirixente catalán tamén se referiu á importancia de ser cidadáns políglotas, “cantos máis idiomas máis oportunidades” e apostou por medidas para que os inmigrantes conserven a súa lingua e cultura materna, porque as linguas son “o máis democrático e o menos excluínte”.

A actual política lingüística e o futuro do Estatut

Entre os fitos da política lingüística transversal do actual goberno tripartito catalán, Puigcercós salientou a blindaxe do modelo de inmersión, con 1º e 2º de primaria exclusivamente en catalán, engadindo en 3º o español e en 4º unha terceira lingua. Destacou tamén o papel do voluntariado lingüístico que axuda aos inmigrantes na súa integración con 10000 voluntarios cada ano, os 126.000 alumnos das aulas de catalán para adultos así como na creación durante o 2009 de máis de 1000 aulas de acollida “ao que moitos teiman en chamar segregación sen ser máis que inserción e integración para asegurarlles a igualdade de oportunidades”. Referiuse tamén na súa intervención á Lei de Acollida e á polémica Lei do Cinema, “o salto cualitativo máis importante desde a creación de TV3”.
Preguntado polo Estatut, Puigcercós contestou que si “o Tribunal Constitucional di que o Estatut non ten cabida na Constitución, porque a entenden como un punto e final, temos un problema; existe unha vontade maioritaria en Catalunya, se non cabemos na legalidade, teremos que facer unha nova legalidade e existe a posibilidade real deste novo estado”.
Sobre os paralelismo entre Catalunya e Galicia no eido lingüístico, o dirixente de ERC sinalou á economía autocentrada como gran diferenza. “Nós temos unha burguesía catalá que comparte o prestixio social da lingua, unha clase emprendedora que ten asimilado o feito nacional, aínda que non debemos deixar de lado a importante achega dos traballadores”. Sen este apoio a política lingüística non é suficiente para pór en valor a lingua propia, “a economía é o gran condicionante, sen unha estrutura económica autocentrada é moi difícil combater a diglosia”.