DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O futuro Doutor Honoris Causa da Universidade visitou este xoves o campus

Jorge Martínez Vázquez: “É un momento moi feliz porque mo fai a Universidade da miña terra, a miña Universidade”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey  DUVI 27/01/2011
“Este nomeamento é para min unha grande honra”, admitía este xoves na súa visita ao campus o catedrático de Economía da Georgia State University, Jorge Martínez Vázquez, quen este luns se converterá no vixésimo primeiro Doutor Honoris Causa da Universidade de Vigo. “É un momento moi feliz e moi entrañable porque mo fai a Universidade da miña terra, a miña Universidade”, salientou durante a visita ao salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias, onde o vindeiro luns recibirá esta distinción ao abeiro da celebración da festividade de San Tomé de Aquino, acto no que tamén se entregarán os premios extraordinarios fin de carreira e de doutoramento.

Acompañado polo reitor, Salustiano Mato, e o profesor Santiago Lago, que actuará como padriño, o profesor Martínez Vázquez, orixinario de Vilagarcia de Arousa, realizou un pequeno percorrido polo campus que lle serviu para lembrar os seus primeiros encontros cos profesores Xavier Labandeira e Alberto Gago “cando organizamos unha primeira conferencia internacional en Baiona e cando me incorporei definitivamente ao grupo de investigación Rede”, lembrou, ao tempo que sinalou que foi entón cando coñeceu a Santiago Lago. “Dende entón, puxemos en marcha múltiples conferencias internacionais e publicamos diversos artigos e libros”, apuntou o prestixioso profesor.

Unha relación “xa moi estreita”

Agora, con este nomeamento como Doutor Honoris Causa amósase convencido de que esta relación “xa moi estreita ”, será aínda máis intensa “imos seguir adíante, cada vez a máis”. Neste aspecto coincidiu tamén co profesor Santiago Lago, quen ademais de ratificar que “cada vez facemos máis actividades e con máis intensidade”, subliñou que a Universidade ten moito que gañar con esta “participación activa e continúa do doutorando”, xa que se trata dunha persoa de referencia a escala internacional cunha enorme rede de contactos “que nos vai permitir, tanto no eido da docencia como da investigación, chegar a proxectos e a obxectivos que dificilmente nos sos poderiamos acadar”.

Brillante currículo

O profesor Martínez Vázquez ten desenvolvido a súa carreira académica nos Estados Unidos, onde hoxe é catedrático e director do International Studies Program. Experto en descentralización fiscal, imposición e xestión tributaria, os seus coñecementos convertérono nun prestixioso consultor do goberno federal e os gobernos estatais dos Estados Unidos, do Banco Mundial, as Nacións Unidas, o Fondo Monetario Internacional, o Banco de Desenvolvemento Interamericano, o Banco Asiático de Desenvolvemento e os gobernos de máis de 30 países, incluíndo Kazakhstan, Lituania, Polonia, México, Uganda e Sudáfrica.

Agora, de visita na súa Galicia natal, admite as dificultades da conxuntura económica actual e subliña que é importante botar a ollada atrás e analizar a realidade coa perspectiva do tempo. “Dende que eu marchei Galicia mellorou moito e, proba disto, é esta mesma Universidade, na que oxalá eu puidera ter estudado”, subliñou en relación a que “nos meus tempos os que queriamos estudar Economía tiñamos que desprazarnos a outros lugares”. Logo, dende a distancia, viviu o nacemento da institución académica viguesa “con gran interese” e, xa dende o 2005, ten participado como membro de comités científicos ou director de varias conferencias internacionais organizadas por Rede, ademais de ser responsable da prestixiosa escola de verán organizada en Georgia xunto ao Instituto de Estudios Fiscales, á que asisten numerosos investigadores galegos e españois todos os anos.