DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras obter o respaldo do 94,3% dos votos emitidos

José Fariña, novo director da Escola de Enxeñería Industrial

Dirixirá o centro durante os vindeiros seis anos, en aplicación da nova LOSU

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
D. Besadío DUVI 09/02/2024

O profesor do Departamento de Tecnoloxía Electrónica José Fariña Rodríguez foi elixido este venres novo director da Escola de Enxeñería Industrial. Nunha Xunta de Escola celebrada no salón de actos do centro, Fariña recibiu o apoio do  94,3% dos 123 votos emitidos -116 a favor, 2 en contra e 5 en branco-, un moi amplo respaldo que o sitúa á fronte do ‘buque insignia’ da Universidade de Vigo para os vindeiros seis anos, tal e como se determina na nova Lei Orgánica do Sistema Universitario, LOSU, e substituíndo no cargo ao docente Juan E. Pardo Froján, ao fronte da escola dende o ano 2017.

Xunto a Fariña, investigador responsable do grupo de investigación División de Deseño e Microelectrónica, forman parte do novo equipo directivo o profesor Pablo Izquierdo Belmonte, como secretario; Rafael Comesaña Piñeiro, como subdirector de Posgrao; Rafael Verdugo Mates, de Calidade; Estrella Álvarez da Costa, de Organización Docente; Xanel Vecino Bello, de Alumnado e Relacións Institucionais; Cristina Trillo Yañez, de Internacional; Antonio Riveiro Rodríguez, de Infraestruturas, sede campus; Francisco Rodríguez Castro, Infraestruturas, sede cidade; Luis Eguizábal Gándara, de Relacións con Empresas, e Enrique Casarejos, de Planificación e novos plans de estudo.

“É un equipo que destaca pola súa experiencia en tarefas de xestión e pola súa implicación para facer unha escola mellor”, salienta o xa novo director, ao que engadiu que a xuventude dalgúns dos membros do equipo está equilibrada coa idade do resto. “Os factores comúns de todos nós son a motivación, o compromiso e as ganas de traballar por unha escola con futuro”, subliñou o novo responsable da escola, orgulloso do equipo que o acompaña nesta nova singradura.

Un equipo disposto a seguir superando retos

Despois de ter participado durante moitos anos na maioría dos procesos de cambio da escola, Fariña ve prioritario seguir dinamizando e superando os retos que formula a sociedade. “Por iso as nosas propostas e iniciativas van dirixidas a acadar esa escola con futuro, que non morra de inercia e onde o diálogo sexa a principal ferramenta”, recalcou Fariña. Debido ao tamaño e complexidade deste centro -dúas sedes e arredor de 3000 alumnos e alumnas matriculadas- as liñas de actuación que se porán en marcha desde o novo equipo directivo son diversas, “sen que ningunha delas sexa considerada prioritaria, senón complementarias”, aclara o novo director.

Por  unha banda, levarán a cabo unha análise e adaptación da planificación e organización docente, que permita favorecer a asistencia a clase do alumnado, “adaptando a avaliación continua, favorecendo a coordinación de materias e cursos e o uso da titoría, aumentando a mobilidade e facilitando a conciliación familiar”. Por outra parte, tratarán tamén de revisar toda a oferta formativa da escola e buscarán maneiras de  mellorar a visibilidade do centro. “A nosa intención é traballar en tres áreas. O ámbito social, para conseguir a captación de alumnado con implicación e perfil axeitado. O ámbito profesional e empresarial, para coñecer as necesidades formativas e facilitar a empregabilidade dos titulados e o ámbito universitario, como axente activo nos órganos de decisión”.

A maiores traballarán tamén o sentido de pertenza. “Consideramos que é un indicativo de facer ben as cousas que tanto o alumnado, como o Persoal de Administración e Servizos (PAS) e o Persoal Investigador e Docente teñan un alto sentimento de satisfacción coa súa actividade na escola”.