DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os sub-14 gozaron dunha xornada de iniciación á escalada

O Kaleido Universidade de Vigo de rugby segue sen coñecer a vitoria

O equipo federado de tenis +35 suma unha nova vitoria

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 01/10/2018

Tras tres xornadas de liga da División de Honra B, o Kaleido Universidade de Vigo de rugby segue sen ser quen de sumar unha vitoria. Desta volta, o sábado recibiu na casa ao Quesos Entrepinares B e o encontro saldouse cun marcador de 20-31. O encontro púxose costa arriba dende o principio e, pesar de que os xogadores non deixaron de loitar, o esforzo foi en van. Ao rematar a primeira metade, o partido estaba nun parello 6-10, pero co inicio da segunda parte, os valisoletanos converteron dous ensaios que romperon completamente o encontro e a vantaxe dos visitantes chegou a ampliarse ata o 6-31. Os vigueses conseguiron sumar na recta final do partido, cando amosaron a súa mellor faciana, pero o marcado quedou definitivamente no 20-31.

A próxima fin de semana o equipo universitario visitará a Durango, o penúltimo clasificado, e deberá buscar sumar algún punto ao seu marcador para poder saír da posición de pechacancelas. 

Tamén o sábado, pero pola mañá, o club continuou coa programación de actividades paralelas para as categorías inferiores. Neste caso, a categoría Sub14 do Kaleido Universidade de Vigo RC gozou dun adestramento diferente. Os xogadores e adestradores cambiaron o oval pola corda e a herba polas rochas do Galiñeiro, nunha xornada de iniciación da man de Montañeiros Celtas.

Nova vitoria do equipo de + 35 de tenis

Tamén esta última fin de semana de setembro, e tras unha xornada de descanso, o equipo da sección federada de tenis, formado por Pablo León, Alejandro Vega, Lois A. Gonzalez, Pablo Romero e Jorge Comesaña, conseguiu vencer a Ureca por 5-1.O primeiro encontro, o único que se perdeu por 6-4 6-4, daba paso a unha xornada de vitorias, gañando o numero 4 nun agónico 7-6 6-4, o numero 3 do equipo gañaba o seu partido por 6-0 6-2 e, tras estes dous, entraban xa os números 1 e 2, gañando primeiro deles con facilidade ao seu rival cun resultado de 6-1 6-0 mentres o 2 acadaba a vitoria final de 7-6 6-2. Mentres remataba o último individual, a parella número 1 entrou en pista e lograban imporse aos seus rivais por 6-0 6-0. Con estes resultados, o equipo universitario mantense nos posto altos da táboa, loitando polo campionato.