DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mª do Carmo Henríquez, catedrática de Lingua Española:

“O latín é manifestamente visible na xurisprudencia española actual e nos tribunais de xustiza europeos”

A lección inaugural rende homenaxe á fonte da que se nutriu, e aínda se nutre, a cultura xurídica de

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 16/09/2011
A lección inaugural conxunta das tres universidades galegas, impartida pola catedrática de Lingua Española, María do Carmo Henríquez Salido, rendeulle este venres homenaxe á fonte da que se nutriu, “e aínda se nutre”, unha parte moi importante da cultura xurídica de Europa: o latín. Convencida da vixencia actual da denominada “lingua do imperio”, a catedrática non dubidou en subliñar que esta lingua segue “manifestamente visible na xurisprudencia española actual e nos tribunais de xustiza europeos”.

Nun discurso baseado nos resultados dun proxecto de investigación realizado en colaboración co presidente da Audiencia Provincial de Ourense, Fernando Alañón, e a maxistrada da Sección Primeira deste mesmo organismo, Josefa Otero, Henríquez Salido deixou claro que xuíces e maxistrados, “persoas que teñen autoridade e potestade para xulgar e sentenciar”, seguen a botar man das expresións latinas, de aí que, ao seu xuízo, se poida seguir afirmando que a desaparición do latín no mundo xurídico está lonxe de acontecer.

Con múltiples e variados exemplos, conseguidos tras examinar “varias miles de resolucións do Tribunal Supremo”, a autora da lección inaugural foi pondo sobre a palestra numerosos argumentos que amosaron que, a día de hoxe, segue sendo válido o principio de que unha gran parte da actual cultura xurídica española, e europea, descansa sobre o dereito romano e a lingua con que se construíu e expresou.

Transmisión milenaria

Lingua matriz de varios idiomas europeos e lingua da ciencia ata “polo menos” as dúas últimas décadas do século XVIII, o proceso de substitución do latín polas denominadas linguas vulgares, foi desigual en cada rama do coñecemento científico e, neste marco, “os xuristas españois, ao igual que os de o occidente de Europa, seguirán expresándose en latín, ata as primeiras décadas do século XIX”.

Se nos preguntamos que foi o que máis herdamos, os resultados do estudo falan da súa inclinación particular por formular con sentenzas breves, regras, principios ou máximas “que teñen total aplicación ou perfecto encaixe en supostos, reforzan un argumento, son de grande axuda para fundamentar a sentenza ou facilitan a resolución de cada caso concreto”.

Unha herdanza presente en toda Europa

Se o latín mantén unha relevancia singular en España a situación é similar no resto da Europa comunitaria, sobre todo naqueles países que teñen unha lingua que descende directamente del (Francia, Luxemburgo, Italia, Portugal, Grecia, os Países Baixos...), pero tamén naqueles de tradición xermánica como Alemaña, Austria e, en menor medida, Dinamarca, Suecia e Finlandia.

Lección inaugural do curso académico 2011-2012