DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

José Manuel Costa ofreceu unha conferencia sobre o impacto da revolución dixital neste eido

Unha lección sobre como a tecnoloxía reescribe a historia

O investigador falou no campus do papel de colectivos como Roman Army

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Divulgación
  • Académica
DUVI Ourense 04/12/2018

A Facultade de Historia do campus de Ourense acolleu este martes a charla Da arqueoloxía clásica á arqueoloxía do mundo dixital: unha revisión da conquista e ocupación do noroeste ibérico polos romanos. Nela, o historiador e investigador José Manuel Costa falou ao alumnado presente sobre como a revolución tecnolóxica tamén está a mudar narrativa histórica.

Organizada por Rosa Brañas, profesora asociada da Área de Historia Antiga da Universidade de Vigo, a conferencia de José Manuel Costa tivo como obxectivo “presentar de xeito sintético a investigación dos últimos anos tanto persoal como colectiva a través do colectivo Roman Army”. Este grupo, “moi dinámico e dixital”, comentou Costa, “o que fai é aproximarse ao estudo da antigüidade, ao estudo da conquista e ocupación do noroeste peninsular, desde unha óptica algo diferente ao que se ten visto na academia xa que é un grupo bastante horizontal na súa organización e bastante diverso en canto á procedencia dos investigadores que forman parte del”.

Novas preguntas

Segundo explicou o arqueólogo, no ano 2013 presentou a súa tese de doutoramento sobre o exército romano no noroeste peninsular “nun momento no que non se sabía nin a terceira parte do que se sabe agora”. Cando rematou a súa tese de doutoramento, comentou José Manuel Costa, “xa se estaban producindo unha serie de transformacións que basicamente centrábanse no feito de que se empezan a usar novas tecnoloxías”. Esas novas tecnoloxías, detallou, nun primeiro momento foron fotografías aéreas, feitas por exemplo para temas catastrais, e que empezaron a usarse para aspectos relacionados coa arqueoloxía. Despois, engadiu, “empezaron a liberarse fotos máis antigas, dos anos 40 e 50” e así ata chegar a tecnoloxías como é o Lidar, de detección remota usando láser “e que permiten ver o terreo completamente limpo e detectar estruturas arqueolóxicas”.

Estes avances, apuntou José Manuel Costa, implican que “as cuestións que había entón agora xa non valen, as preguntas de investigación que hai que facer son outras xa que os datos son outros. Podemos responder ás vellas preguntas pero ao mesmo tempo abrimos outras novas”. Este desenvolvemento tecnolóxico aplicado á historia e á arqueoloxía, indicou o relator respecto á súa área de traballo, “o que nos permitiu é detectar moitos novos sitios. Cuadriplicamos o que se sabía con respecto aos inicios do 2000”. “Hai zonas do noroeste onde hai dez anos non se sabía nada e de repente aparecen puntos novos que nos indican que houbo unha presenza militar romana”, citou como exemplo.

Na zona noroeste tal e como a entendemos, dixo o investigador posdoutoral do Grupo Síncrisis da Universidade de Santiago de Compostela, hai localizados “65 campamentos, nunha zona na que ao inicio desta centuria coñecíanse sobre 11”. Moitos destes campamentos, engadiu, “foron descubertos pola xente do grupo Roman Army antes de formar parte del e unha vez xa formando parte del”. Tendo en conta estes avances e que “practicamente non temos fontes históricas que expliquen o que pasou”, o historiador sinalou como “o que estamos facendo é construír todo a partir da arqueoloxía. Intentando ver como se relacionan eses campamentos coa contorna, que facían eses soldados, cal pode ser o seu interese... e a partir de aí construír narrativas, construír historia. Tratar de entender a paisaxe e a partir da paisaxe construír unha historia”.

Na vangarda

Durante a súa intervención, o relator fixo fincapé en como o uso da tecnoloxía en historia é “un tema moi importante”. Segundo indicou José Manuel Costa, “cada vez máis os historiadores usan as novas tecnoloxías por que proporcionan recursos moi útiles e moi fáciles unha vez tes uns coñecementos básicos”. Esta revolución dixital que, dixo, “afecta a todas as disciplinas no caso da historia e a arqueoloxía temos un longo percorrido por facer pero o crecemento está sendo exponencial e significativo”. A historia, afirmou o investigador, moitas veces “asóciase cunha maneira de contar a historia moi lenta, moi atemporal e allea á xente e hai que cambiar esa dinámica, escribir tamén para as novas xeracións, para audiencias moi amplas e diversas”. Estes novos recursos e ferramentas tecnolóxicas, dixo, “permítenche entrar en conexión cun mundo que está cambiando, que está facendo un uso extensivo de internet, das redes sociais e doutras plataformas. Temos que estar aí, temos que estar na vangarda”.