DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora Isabel Martínez é promotora do Proxecto Socheo, que se presentará en Cineuropa este venr

Lembranzas en VHS rescatadas do esquecemento

Recompílanse gravacións caseiras dos veciños e veciñas de A Guarda para crear un arquivo audiovisual

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 08/11/2012

Ás veces van parar ao lixo obxectos cun incalculable valor histórico. As cintas en VHS “parece que sofren este mal” e sen ningún miramento trátanse como refugallo que só ocupa sitio no último recuncho do faiado. Co propósito de rescatar o VHS dese esquecemento polo menos no concello de A Guarda, nace o Proxecto Socheo, “un intento de recompilar as imaxes caseiras de cada veciño do pobo para crear un arquivo audiovisual que recupere a memoria histórica máis recente da nosa contorna”, explica a profesora Isabel Martínez, principal motor desta iniciativa con outros profesionais do audiovisual galego. Na súa maioría esas lembranzas estaban gravadas en VHS “ás que ninguén lles dá o valor documental que teñen”, matiza Martínez polo que decidiron “salvalas do lixo”, dixitalizalas, clasificalas e colgalas en Youtube “a disposición de todo o mundo”.

O Proxecto Socheo é unha iniciativa de carácter persoal liderada por cinco profesionais do audiovisual nados en A Guarda, Xurxo Chirro, Gustavo González, Luis Cividanes, Daniel González e Isabel Martínez, profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Tras ter un primeiro contacto coas gravacións caseiras levadas a cabo na contorna cando produciron o documental Vickiland, “decatámonos de que había unha gran cantidade de material que ninguén estaba atendendo e que se ía perder”, subliña a docente que detecta unha falta de compromiso social coas creacións audiovisuais amateurs máis recentes “pois o que se acostuma a gardar son pezas que xa están lexitimadas polo paso do tempo cun total desapego polas imaxes de hai 20 ou 30 anos”.

Álbum familiar audiovisual

O proxecto logrou tal aceptación entre a veciñanza que tras uns meses de vida xa lograron recompilar, dixitalizar, catalogar e colgar na rede 54 vídeos clasificados segundo a temática tratada, ben sobre memoria histórica, testemuños, tradicións e costumes, viaxes, oficios ou sobre monumentos e lugares do concello, desenvolvendo día a día “un álbum familiar que recolle a lembranza colectiva e que nos une como pobo”. Os membros do proxecto recollen na súa maioría cintas de vídeo gravadas cunha cámara caseira entre os anos 1960 e 2000, “aínda que tamén dispomos dunhas imaxes de 1920 rodadas por Carlos Velo en A Guarda e fragmentos de películas, como La hora Bruja, tamén ambientadas nestas paraxes”. Advirten que non existe límite temporal e que calquera pode colaborar no proxecto a través do correo proxectosocheo@gmail.com. Con preto de 9000 reproducións, a canle de Youtube do Proxecto Socheo alberga múltiples recordos audiovisuais “que reflicten a evolución dun pobo mariñeiro”, con pezas gravadas a bordo dos barcos pesqueiros, nas festas tradicionais, nos encontros familiares... “O vídeo que máis visitas tivo foi un que data de 1987 cando nevou en A Guarda por primeira vez”, exemplifica Martínez que resalta o perfil costumista da iniciativa.

Dada a envergadura que acadou o Proxecto Socheo co paso dos días, os cincos profesionais decidiron constituírse como asociación cultural “para darlle unha maior personalidade a este arquivo que nós si consideramos histórico”. Aínda que neste caso só se recuperan imaxes rodadas en A Guarda, Isabel Martínez considera que esta idea é “perfectamente” exportable a outros concellos e cidades. Nestes momentos, os integrantes da asociación están inmersos no labor de recuperación de imaxes gravadas pola televisión local na súa vida en activo dende 1994 a 2004. Dende hai un mes, a asociación tamén conta co apoio do Concello para tentar organizar algunhas sesións en colexios e centros de ocio “pois moita xente protagonista desta historia non ten acceso a internet e queremos que chegue a todo o mundo”, asegura a profesora.

Presentes en Cineuropa

Este venres farán unha presentación pública do proxecto “nun contexto inmellorable”, no festival de cine independente Cineuropa, que bota a andar este xoves. Exporán a iniciativa así como varios exemplos dos traballos recompilados, entre eles a videobitácora Vídeo Fox, que narra a vida do barco de pesca Tania María dedicado á captura preto das Azores.