DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As II Xornadas sobre Comunicación e Xustiza analizan a información en casos sensibles

Entre a liberdade de información e o dereito á honra, o difícil papel do xornalismo xudicial

A cita celébrase este xoves e venres no Centro Cultural da Deputación de Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 13/10/2011
Dunha banda está a liberdade de información. Doutra, o dereito á honra das persoas. E no medio xornalistas intentando facer o seu traballo de informar á sociedade, neste caso sobre temas xudiciais. Encontrar o equilibrio, especialmente nos casos chamados “sensibles”, como os referidos á violencia de xénero, é unha tarefa ardua á que as II Xornadas sobre Comunicación e Xustiza queren engadir o seu gran de area. Para facelo, os días 13 e 14 de outubro reúnen a destacados profesionais do ámbito xudicial e a comunicación en Ourense.

As xornadas, organizadas pola Universidade de Vigo e o Consejo General del Poder Judicial, foron inauguradas este xoves no Centro Cultural da Deputación de Ourense por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Inés Iglesias Canle, profesora da Universidade de Vigo e directora das xornadas xunto a Antonio Dorado; José Luis Baltar, presidente da Deputación de Ourense; Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo; Fernando de Rosa, vicepresidente do Consejo General del Poder Judicial, e Arturo González, decano do Colexio de Avogados de Ourense.

O equilibrio e a responsabilidade

Durante a inauguración, Inés Iglesias quixo salientar a importancia destas xornadas para que os asistentes, alumnado e profesionais do ámbito do Dereito, estean informados, reflexionen e poidan xerar opinión sobre temas tan relevantes na sociedade como o tratamento da información xudicial nos supostos de violencia de xénero e a incidencia da noticia xudicial nos procesos mediáticos. Neste senso, María Lameiras destacou a importancia de afondar nestas cuestións para “conseguir que a transmisión da información nos casos sensibles se faga nas condicións que os expertos consideren máis axeitadas para, cando menos, non contribuír a aumentar o dano causados xa polos feitos xulgados”.

Pola súa banda, Fernando de Rosa fixo fincapé na importancia destas xornadas para intentar conciliar dous principios fundamentais da sociedade democrática que están involucrados na información sobre casos xudiciais, como son a liberdade de información e o dereito á honra. O vicepresidente do Consejo General del Poder Judicial advertiu da “importante labor social” que fan os medios de comunicación en casos sensibles, como a violencia de xénero, e como do seu tratamento depende en parte que as vítimas se sintan arroupadas pola sociedade ou se manteñan no medo. Por esta especial incidencia psicolóxica e social e porque as novas sobre casos xudiciais son as terceiras que máis atención atraen dos medios de comunicación galegos, Ernesto Pedrosa apuntou ademais a importancia de que os xornalistas apliquen unha ética especial nestes casos e que non “pisen” o papel dos xuíces nin banalicen as informacións.

Violencia de xénero e xuízos mediáticos

Trala inauguración oficial celebrouse unha mesa redonda sobre a información xudicial nos supostos de violencia de xénero que contou coa participación de Inés Iglesias; Mª Ángeles Carmona, secretaria xudicial; Cristina Villanueva, xornalista de La Sexta, e Agustín Zurita, director de comunicación do Consejo General del Poder Judicial.

As xornadas continuarán o venres 14 cunha mesa redonda, ás 9.30 h, sobre a incidencia da noticia xudicial nos procesos mediáticos que contará coa participación de Fernando Grande-Marlaska, maxistrado da Audiencia Nacional. Tamén estarán Fernando Ramos, profesor da Universidade de Vigo; Raúl Quián, xornalista da TVG, e María Montero, directora de comunicación do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Ás 12.00 h celebrarase o acto de clausura coa participación de Miguel Ángel Michinel, decano da Facultade de Dereito, e Antonio Dorado Picón, vogal do Consejo General del Poder Judicial e director das xornadas xunto á profesora Inés Iglesias Canle.