DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu autor é o investigador do Post-Growth Innovation Lab Javier de Rivera

Un libro pon en cuestión o concepto de economía colaborativa a partir do “impacto social” de plataformas como Airbnb

No volume sinala as diferencias entre iniciativas sociais e o que define como “capitalismo dixital"

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 28/03/2022

O concepto de economía colaborativa comezou a estenderse a comezos da pasada década para referirse as plataformas dixitais de intercambio entre particulares, para logo englobar nun mesmo “paraugas”, como sinala o investigador do Post-Growth Innovation Lab Javier de Rivera, “grandes plataformas cun impacto social”, como Airbnb ou BlaBlaCar, e outra serie de “iniciativas de base comunitaria que ofrecían diferentes servizos de colaboración”. Analizar, desde unha perspectiva crítica, unha “categoría confusa e polifacética, que engloba iniciativas capitalistas xunto con outras máis sociais e as presenta como un proceso de cambio social e unha nova forma de economía”, constitúe o propósito central do seu libro Crítica de la economía colaborativa: análisis del modelo y sus alternativas desde una perspectiva sociológica, publicado na colección Politeya do Centro Superior de Investigaciones Científicas (CSIC).

Sociólogo especializado no estudo das tecnoloxías dixitais desde unha perspectiva crítica, De Rivera Outumuro xa centrara na economía colaborativa a súa tese de doutoramento, que defendeu en 2019 na Universidad Complutense de Madrid e que constitúe o punto de partida deste libro. Seleccionada nunha convocatoria do CSIC para a publicación de investigacións nos ámbitos da socioloxía e a ciencia policía, a súa tese constituíu o punto de partida dunha publicación que “trata de poñer en claro un concepto que sempre me deu problemas á hora de definilo” nun traballo “máis divulgativo”, recoñece este investigador, que hai uns meses se incorporaba ao grupo de investigación impulsado por Mario Pansera no campus pontevedrés para traballar no proxecto H2020 JUST2CE.  

Dúas tendencias contrapostas

Como recolle o seu texto de presentación, o libro ábrese cunha “aproximación crítica ao proceso que deu lugar a este paradigma e as súas implicacións sociais”, na que De Rivera propón unha “lectura en profundidade” dun concepto que, nace vinculado ás “grandes empresas tecnolóxicas de Silicon Valley”. No principio, explica, a economía colaborativa aparece como unha “forma de interpretar determinadas plataformas”, como Airbnb, ligadas a grandes investimentos de capital risco. “O que pasou é que na promoción deste concepto vinculouse este tipo de plataformas con iniciativas sociais sen ánimo de lucro, que xa existían antes pero que sempre foran moi pequenas e nunca acababan de chegar ao gran público”, sinala. Como exemplos, lembra que as primeiras “plataformas de intercambio de casas” remóntanse á década de 1950 nos Estados Unidos, así como o labor que desde finais da década de 1970 leva a cabo a asociación belga M-Pact, que promove “proxectos de carpooling”, desde unha lóxica “baseada na colaboración e en compartir custos”.

A análise que realizou co obxectivo de definir as características desta serie de “institucións dixitais” levouno a pór o foco na existencia de “dúas tendencias contrapostas na economía dixital”. Unha, explica, orientada á satisfacer necesidades sociais a través de iniciativas “realmente colaborativas e outra na que se insiren unha serie de plataformas que responderían ao que define como “capitalismo dixital”, baseadas na lóxica dunha “economía de mercado”, trasladada a unha contorna virtual. “Airbnb é basicamente unha páxina de aluguer de casas ou habitacións. A única diferencia é que fano persoas individuais, pero non está establecendo un modelo que se basee na colaboración”, sostén De Rivera. Neste punto, pon o foco nas diferencias entre as iniciativas sen ánimo de lucro a aquelas que “ao facilitar que a economía de mercado se desenvolva entre particulares, o que fan é desrregularizar a economía”, contribuíndo, engade, a unha maior precariedade, a xerar “máis diferencias sociais” a longo prazo e á “concentración da riqueza”, xa que os intermediarios locais son substituídos por “un único grande intermediario que é a plataforma”.

Esta situación leva ao investigador a concluír que o da economía colaborativa ou sharing economy é un “concepto pouco sostible tal e como está formulado”. De aí que incida na posibilidade de que, “en contra súa orixe histórica”, esta idea poida “recuperarse dalgún modo no seu sentido específico”, converténdose nunha categoría orientada a iniciativas que respondan a “unha economía sen ánimo de lucro, entendida como unha forma de satisfacer as necesidades”, conectada á súa vez coas ideas do decrecemento e poscrecemento nas que traballa o Post-Growth Innovation Lab.

A socioloxía das “institucións dixitais” 

Esta análise dun concepto que non é “consecuente cunha realidade específica” ten como punto de partida un “estudo empírico” orientado a definir as características destas plataformas desde a perspectiva da “socioloxía das institucións dixitais”, idea que daba título a tese da que parte este libro. O punto de partida, explica De Rivera, é que “as plataformas dixitais son en realidade institucións sociais”, ao igual que a familia, a escola ou os centros de traballo, mais neste caso conformadas nun espazo virtual en lugar de físico. “En todas estas institucións, a xente que participa aprende a comportarse dunha determinada maneira e interioriza normas e valores que lle serven para relacionarse e interactuar cos demais”, sinala o investigador. Esta perspectiva de análise sociolóxica, que previamente centrara nas redes sociais e posteriormente aplicou a este tipo de plataformas, permite observar os seus “modos de funcionar e afectar á sociedade”. Nese senso, o libro recolle o “modelo de análise institucional” que desenvolveu para este estudo, “unha metodoloxía con varias dimensións serve para diferenciar que tipo de institucións hai e describir unha realidade en base as súas características ontolóxicas” e que sería aplicable a outra serie de institucións.