DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Ciclo Jóvenes Investigadores prolongarase ata o xoves

O Liceo dá a coñecer á sociedade o traballo investigador en Historia

Docentes das universidades e Vigo e Santiago impartirán catro relatorios

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 09/02/2010

Arquitectura, poboamento e tradición son tres dos eixos fundamentais sobre os que se está a desenvolver a XV edición do Ciclo Jóvenes Investigadores que se prolongará ata o vindeiro xoves na aula de cultura do Liceo. A conferencia inaugural deste luns correu a cargo de Roberto Vázquez Rozas, profesor de Historia da Arte no campus de Ourense, que dedicou a súa intervención á capela de San Miguel de Celanova, unha pequena construción arquitectónica do século X situada detrás do ábside do Mosteiro de San Salvador, “no que noutro tempo foi denominada a horta do noviciado” segundo explicou o historiador. O encontro completarase con relatorios de investigadores da rama de Historia das universidades de Vigo e de Santiago de Compostela.

Unha obra que responde ao ideal de beleza da elite social do século X

Roberto Vázquez fixou a data de construción da capela de San Miguel de Celanova entre os anos 941 e 977 por orde de Froila, irmá de San Rosendo. Definiuna como “unha obra especial polo seu pequeno tamaño, conservación e materiais ao ser a única obra do século X construída en pedras de perpiaño, en pura canteiría”. Sinalou tamén o poñente que, a pesares de que a vila de Celanova “estaba lonxe de todas partes”, a capela ten trazos andaluces. “É unha igrexa mozárabe pero con moitos trazos de tipo califar”, explicou.
Esta pequena igrexa é a xoia do Mosteiro de San Salvador e está considerada como un dos edificios relixiosos máis singulares de España –foi declarada Monumento Nacional no ano 1923-. Mide 8,5 metros de longo por 6 metros de alto e ocupa en planta non máis de 22 metros cadrados. O seu pequeno tamaño é, precisamente, a calidade que subliña o historiador desta pequena igrexa. “Supuxo un esforzo estético enorme nun tamaño moi pequeno. É como se labraran unha pedra preciosa”. O profesor revelou tamén que unha parte importante do sistema métrico é árabe. “Traballouse cun sistema proporcional de harmonía musical. De feito as partes son acordes en tamaño. Realmente é como se tallaran unha xoia”, declarou. A colocación da pedra permítelle ao investigador saber que houbo dous directores de obra, “o primeiro mellor que o segundo”, como o reflicte a homoxeneidade na colocación das catro primeiras fiadas de pedra que se rompe despois con pequenos descadres. Vázquez Rozas dixo da capela que “responde ao ideal de beleza da elite social do século X en Galicia e no reino de León” e asegurou que o bo gusto desa elite social “témolo a través da capela de San Miguel e practicamente a través de nada máis”, asegurou. O historiador definiu a capela de “obra excepcional” e reforzou a súa afirmación revelando a inscrición que reza no templo: A ti te creemos obra de Dios.

O poboamento castrexo na Baixa Limia centrará o relatorio de hoxe

O Ciclo Jóvenes Investigadores é unha iniciativa coordinada por Miguel Ángel González García, director da sección de Arte e Historia do Liceo, co obxectivo de dar a coñecer á sociedade os resultados das investigacións máis punteiras desenvolvidas por profesionais que dedican o seu tempo e esforzo á rama de Historia. Os relatorios continuarán hoxe con O poboamento castrexo na Baixa Limia a cargo do investigador da Universidade de Vigo Martín Xosé Vázquez. O ciclo continuará o seu desenvolvemento o mércores cunha nova conferencia a cargo de Ana Cebreiros, investigadora tamén da Universidade de Vigo, que falará sobre A Sección Feminina en Ourense. O encontro rematará o xoves cunha charla de Antonio Andrés Ferreiro, da Universidade de Santiago de Compostela, cun relatorio sobre As pegadas medievais na Catedral de Ourense. Todos os relatorios teñen lugar ás oito e cuarto da tarde na aula de cultura do Liceo e a entrada é gratuíta.