DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As xogadoras continúan segundas na clasificación a pesar de gañar esta fin de semana

O liderado da liga resísteselle ao equipo de baloncesto feminino

O Universitario Campus de Ourense masculino perdeu o sábado contra o CB Noia

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 26/03/2012

Cada xornada de competición é para as xogadoras de baloncesto do campus de Ourense un paso máis na súa loita polo liderado da 1ª División Autonómica Feminina. Sen embargo, e a pesar de acadar unha vitoria esta fin de semana, as xogadoras que adestra Roberto Rapela mantéñense nun segundo posto. As posibilidades de acadar o liderado non dependen só do seu bo xogo, están á expensas de que o primeiro clasificado, o Arxil Mafari Café, cometa un erro que permita ás ourensás pórse por diante no marcador. Estes bos resultados contrastan cos do Universitario Campus Ourense masculino, que perdeu o sábado contra o CB Noia.

O Universitario Campus Ourense de baloncesto sénior feminino xogou este sábado a xornada 22 de competición contra o CB Allariz. Neste enfrontamento ourensán, as xogadoras que adestra Roberto Rapela gañaron cun marcador final de 60-55 puntos. Con este resultado, mantéñense segundas na clasificación con 21 partidos xogados que se traducen en 15 vitorias e seis derrotas. Tan só unha vitoria as separa do primeiro clasificado, que acumula sete partidos gañados nos últimos encontros disputados.

Desigual resultado nos equipos masculinos

A fin de semana non foi igualmente boa para o primeiro equipo de baloncesto. O Universitario Campus Ourense de baloncesto sénior masculino enfrontouse o sábado ao CB Noia e perdeu 73-57 puntos. Con este resultado os xogadores que adestra Javi Pérez continúan alternando vitorias e derrotas, con 10 partidos gañados e 12 perdidos no que leva transcorrido de competición. De todos os xeitos, os ourensáns manteñen a ilusión e as ganas de participar por primeira vez na 1ª División Sénior Masculina, onde están décimos na táboa. Os que si gañaron en baloncesto masculino esta fin de semana foron os xogadores júnior, que se enfrontaron o domingo aos Gimnasio Bitácora. O Campus Ourense Blanco Amor acadou unha axustada vitoria de 54-57 puntos que os sitúa oitavos na táboa.

Polo que respecta ao rugby universitario, esta fin de semana o Campus Ourense gozou dunha xornada de descanso e retomará a competición o día 1 de abril cun encontro contra o CR Lalín. Si xogaron as categorías inferiores, concretamente os infantís contra o CRAT Coruña, acadando unha vitoria de 31-24 puntos nesta xornada.