DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberto o prazo de matrícula ata o vindeiro 30 de setembro

As Ligas Universitarias buscan novos deportistas

Alumnado, PDI e PAS poderán participar nos torneos de sete modalidades diferentes

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Jessica Fdez. DUVI 15/09/2011

Setembro é por excelencia o mes da volta á rutina tanto para o alumnado como para PDI e PAS. Xa non só aulas, despachos e oficinas recobran a súa actividade, senón que o inicio do curso tamén se deixa notar no uso das instalacións deportivas. Co fin de sacarlle o máximo partido a estes recursos, o Servizo de Deportes mantén aberto ata o 30 de setembro o prazo de inscrición para as Ligas Universitarias 2011-2012. A matrícula para as ligas de baloncesto masculino e feminino, fútbol 7, rugby 7, baloncesto, balonmán e voleibol mixto será gratuíta sempre e cando se cumpran os requisitos estipulados para a participación.

Divididas en Ligas Internas e Competicións Universitarias, no primeiro dos torneos os equipos poderán participar na Fase de Campus e na Fase de Intercampus, á que so accederán aqueles grupos que ocupen os mellores postos na clasificación de cada Campus. Unha vez finalicen as Ligas Internas, os equipos mellor clasificados pasarán a pelexar pola vitoria nas Competicións Interuniversitarias, representando á Universidade primeiro nos Campionatos Galegos Universitarios de deportes colectivos primeiro e, en función dos resultados acadados neles, nos Campionatos de España.

Período de inscrición

Os equipos, que terán que estar compostos exclusivamente por membros da comunidade universitaria, poderán inscribirse nas ligas a través do impreso electrónico que se facilita na web do Servizo de Deportes. No caso de que se trate de grupos que xa competiron noutros anos, incorporaranse á categoría que corresponda e poderán manter o seu nome, mentres que os de novo ingreso terán que facelo na división máis baixa e elixir unha denominación para o conxunto.

Bolsas para os árbitros

Aproveitando o inicio de ligas e torneos, a Universidade abre a convocatoria de bolsas de arbitraxe para o campus de Vigo. En total este ano ofrécense 40 bolsas que oscilan entre os 350 e os 690 euros e que están dirixidas aos alumnos e alumnas matriculados en calquera Escola ou Facultade ou en Terceiro Ciclo. Os interesados poderán presentar a documentación necesaria ata o 21 de setembro e recoller o impreso de solicitude de bolsas deportivas para árbitros das ligas universitarias no Servizo de Deportes.