DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Valentim R. Fagim, organizador das "III Xornadas de Lingua":

"A lingua galega é unha oportunidade, non un atranco"

A iniciativa inclúe un ciclo de conferencias no Edificio Politécnico e tamén actividades lúdicas

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 20/01/2010

As Xornadas de Lingua alcanzan este ano a súa terceira edición e fano cun programa que inclúe un ciclo de conferencias no Edificio Politécnico do campus e unha serie de actividades lúdicas que se van desenvolver no local social A Esmorga, moi preto da Universidade. A iniciativa está organizada pola Asociación Galega de Lingua (AGAL) co apoio de institucións entre as que se atopan a Vicerreitoría do campus e a Concellería de Cultura do Concello de Ourense, entre outros organismos. Valentim Fagim, presidente de AGAL e organizador das xornadas, explica que a lingua “é unha realidade que nos afecta a todos, sobre a que operan moitas emocións e sobre a que é moi fácil facer demagoxia”. De aí que a finalidade das xornadas sexa a de ofrecer novos discursos e perspectivas á cidadanía “porque, máis alá de que poidamos coincidir ou non coas liñas propostas polo menos imos ter máis información que nos permitirá reflexionar sobre outros aspectos da temática”, asegura.

Os profesionais da educación como transmisores da realidade galega

O organizador das xornadas explica que esta actividade está dirixida “a todas as persoas que queiran saber máis e diferente” e, concretamente, aos futuros profesionais da educación “porque sobre as súas costas recae unha responsabilidade inmensa no terreo da lingua como é a de ofrecer aos seus alumnos unha visión construtiva da realidade galega”. Valentim Fagim defende que o bilingüismo “é unha riqueza, non un problema” e, por ende, a lingua galega “é unha oportunidade, non un atranco”. As xornadas queren chegar tamén aos universitarios, un colectivo que ten unha gran responsabilidade ao estar destinado a ocupar postos de relevancia social. Valentim Fagim asegura que estas xornadas “vanlles ofrecer ferramentas útiles para dar mais valor á súa condición de galegos e para que poidan difundir ese valor nos campos onde desenvolvan a súa actividade profesional”, explica.

Visións portuguesas de Galicia e a súa lingua

O ciclo de conferencias das xornadas terá lugar no Edificio Politécnico do campus. A primeira delas está prevista para o 28 de xaneiro ás seis e media da tarde. Será unha mesa redonda na que participarán Joana de Medeiros, lectora de portugués na Universidade da Coruña e Nuno Gomes, escritor e colaborador do xornal Novas de Galicia. Os poñentes amosarán como somos percibidos os galegos en Portugal, as causas desta percepción e ofrecerán estratexias para mellorar esta realidade. Segundo Valentim Fagim, “da interacción entre as persoas e colectivos de Galicia e de Portugal ábrense novas e enormes oportunidades que nos darían unha mellor calidade de vida”, asegura. A seguinte conferencia será o 29 de xaneiro e, no seu transcurso, ofreceranse uns conceptos básicos sobre lingua e sociedade.
Unha das actividades máis salientables do programa é a que terá lugar o día 30 de xaneiro, ás dez da mañá, no Edificio Politécnico: a estrea do documental Entre Linguas que vai ofrecer o colectivo Glu-Glu (Galego Lingua Útil, Galego Lingua Internacional). Segundo conta Valentim Fagim, “os autores visitaron as localidades de lingua galego-portuguesa en territorio castelán e extremeño e interactuaron cos habitantes locais. A conclusión que se obtén despois de escoitar a esas persoas é que o que coñecemos como galego ven a ser o portugués transplantado para España co castelán como lingua dominante. Vai sorprender moito como falan persoas que, segundo a filoloxía, son falantes de portugués”, afirma. Ese mesmo día, o 30 de xaneiro, o filólogo Eduardo Maragoto fará unha análise interxeracional da evolución das competencias lingüísticas dos galegos. Haberá máis conferencias sobre a temática os días 4, 5 e 6 de febreiro.

Programa de concertos

As xornadas estréanse xa esta semana con música, concretamente este venres, 22 de xaneiro, cun concerto de Emilio José no Local Social A Esmorga. As actividades lúdicas continuarán o día 23 de xaneiro coa actuación dos angoleños Aline e César. O grupo portugués Andarilhos, o brasileiro Fred Martins e as pandereteiras Traspés completan o programa lúdico de concertos da iniciativa con actuacións na Esmorga os días 30 de xaneiro e 5 e 6 de febreiro, respectivamente. Así mesmo, o 29 de xaneiro a partires das nove e media da noite celebrarase o Concurso Planeta NH, un xogo similar ao Trivial no que varios equipos pelexarán polos premios concedidos pola librería Torga e AGAL.