DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co gallo da celebración do Día do Libro, o vindeiro 23 de abril

A literatura que cabe en 420 caracteres

O Centro de Linguas organiza un concurso de microrrelatos a través do seu Facebook

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 30/03/2012
As novas tecnoloxías abren novos camiños para a creatividade e demostran que as redes sociais son tamén aptas para crear literatura. Co fin de aproveitar esta sinerxia e co gallo da celebración do Día Internacional do Libro o vindeiro 23 de abril, o Centro de Linguas organiza un concurso de microrrelatos a través do Facebook. A única limitación para os participantes é o espazo: un máximo de 420 caracteres, que é o límite establecido nos comentarios desta rede social, vía de participación no concurso. O idioma de participación queda á elección dos escritores, que poderán seleccionalo de entre o abano de cursos que se imparten no Centro de Linguas.

Os relatos poderán publicarse no muro do perfil do Centro de Linguas ata o venres 20 de abril, mentres que os premios para os gañadores entregaranse o luns 23 no acto que se celebrará para conmemorar o día do Libro. Aproveitando as posibilidades que o Facebook achega, un dos premios entregados dependerá do criterio dos usuarios da páxina: aquel relato que reciba máis ‘Gústame’, será o gañador. O segundo dos premiados será seleccionado por un xurado de profesionais que exporán os seus argumentos e coñecementos á hora de conceder o galardón. Os premios consistirán en lotes de libros e material escolar.

Mª del Carmen Méndez, profesora de español no Centro de Linguas, explica que a idea xurdiu ao preparar as actividades de celebración do Día do Libro. “Ocorréusenos promocionar a lectura a través de algo moi familiar para os estudantes como son as redes sociais” e puntualiza que para a comunidade universitaria "é normal consultar un par de veces ao día a súa conta e ten unha sorte de vida paralela en Internet, por iso utilizamos unha canle que consideramos rápida, eficaz e próxima”. A finalidade é “promover a creatividade literaria e a lectura entre o alumnado ao tempo que dinamizamos o Centro de Linguas con actividades paralelas á ensinanza co fin de enganchar e motivar aos alumnos na aprendizaxe de linguas", puntualiza Méndez.

Sobre a xa máis que debatida incidencia negativa das novas tecnoloxías na capacidade ortográfica e gramatical das novas xeracións, Mª del Carmen Méndez recoñece que “é certo que se argumenta con certa frecuencia que a xuventude descoida a linguaxe en contextos informais como as redes sociais, as mensaxes de móbiles, etc.". Sen embargo, para a docente tamén é necesario destacar que "o alumnado é capaz de diferenciar -case sempre- entre situacións de comunicación formais e informais e nas primeiras, como é este caso, sempre procura ter unha alta corrección. Isto queda patente na alta calidade dos textos que xa forman parte do concurso”, conclúe.