DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Catedrático de Enxeñaría Telemática, era adxunto ao reitor para Transformación dixital

Loito na comunidade universitaria polo falecemento do catedrático José Juan Pazos Arias

Faleceu aos 59 anos, tras non poder superar unha enfermidade que o mantiña hospitalizado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 19/12/2023

A comunidade universitaria recibiu este martes a triste nova do falecemento do catedrático do Departamento de Enxeñaría Telemática e adxunto ao reitor para a Transformación Dixital, José Juan Pazos Arias (Baiona, 1964-2023), ao non poder superar unha enfermidade que o mantiña afastado das aulas e dos seus labores como xestor desde hai uns meses.

Enxeñeiro de Telecomunicación (1987) pola Universidade Politécnica de Madrid (UPM) e doutor enxeñeiro de Telecomunicación (1995) polo Departamento de Enxeñería de Sistemas Telemáticos da UPM, en novembro de 1988 incorporábase como profesor asociado a tempo completo á Escola Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación da Universidade de Santiago de Compostela, naquel momento única universidade de Galicia. Coa creación en xaneiro de 1990 da Universidade de Vigo, o docente e investigador participou activamente na xénese e consolidación da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, encargándose da posta en marcha de varias materias e laboratorios da especialidade de Telemática, unha das dúas que ofertaba o plan de estudos vixente daquela.

25 anos de experiencia no ámbito das TIC

Investigador do Centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicacións da Universidade de Vigo, atlanTTic, e académico numerario da Real Academia Galega de Ciencias desde 2016, Pazos Arias participou en numerosos proxectos de investigación de ámbito nacional e internacional, así como no desenvolvemento de novos servizos e aplicacións para a Sociedade da Información. Foi autor duns 200 artigos en revistas, capítulos de libros e congresos de relevancia de ámbito internacional. Director de oito teses de doutoramento e de máis de trinta proxectos de fin de carreira. 

Nos últimos anos, a súa actividade de investigación orientouse cara ao desenvolvemento de tecnoloxías transversais, de aplicación en calquera ámbito e tamén para calquera formato no que se atope a información. Neste eido, conseguiu resultados relevantes nas áreas de personalización, adaptación e recomendación de contidos, baseado en tecnoloxías semánticas. 

No relativo á  xestión, ocupou cargos como director de Departamento de Enxeñaría Telemática ou director da Área de Novas Tecnoloxías da Universidade de Vigo.