DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Lonza doa un equipo punteiro de purificación de auga ao Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía

Permitirá aos investigadores contar con auga desionizada de alta calidade

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 11/10/2010

A colaboración entre o mundo universitario e científico e o tecido empresarial adopta ás veces formas pouco habituais. A empresa Lonza Biologics Porriño vén de doar ao Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía un purificador de auga que permitirá a alumado e investigadores contar para os seus traballo con desionizada de alta calidade. Segundo apunta o profesor Emilio Gil Marín, a iniciativa partiu da propia empresa “que se puxo en contacto co departamento e tiveron a cortesía de doalo”. Valorada en 20.000 euros, a normativa esixe a empresas do sector farmacéutico a constante renovación deste tipo de equipamentos para asegurar o emprego de tecnoloxía de última xeración, polo que Lonza optou por cederlla á Universidade de Vigo, á que define como “un auténtico viveiro de futuros profesionais do sector da biotecnoloxía”.

O purificador xa se atopa instalada para poder ser usado en experimentos e probas de laboratorio, “xa que xera auga de calidade moi boa, mellorando a destilación normal”, explica Gil Marín, que valora a achega que esta ferramenta representa para o Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía xa que, aínda non tratándose dun aparello de ultrapurificación que elimina todos os ións, “si ten unha calidade moi alta para a realización de ensaios por parte dos investigadores”. Fabricado pola compañía Millipore, o purificador conta con tecnoloxía Elix (electrodesionización), que combina membranas selectivas para ións, resinas de intercambio iónico e un campo eléctrico.